[30-04-2013] Maio é o mes das Letras Galegas. A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle este venres 3 de maio, ás 20:30 horas, unha sesión de contacontos, poesía e música en torno á vida e á obra de Roberto Vidal Bolaño, autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas. O espectáculo, que ten unha duración aproximada de 50 minutos, correrá a cargo da compañía Xandobela. Trátase dunha actividade para todos os públicos, con entrada de balde, e que serve para abrir a programación das letras galegas no Concello de Ames.
Esta semana comezan as actividades que preparou a Concellaría de Cultura para conmemorar o mes das Letras Galegas no Concello de Ames. A Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá este venres, 3 de maio, o espectáculo “Lembranzas de Roberto Vidal Bolaño”, que correrá a cargo da compañía Xandobela. A través de contacontos, de música e de poesía achegarémonos á vida e á obra de Roberto Vidal Bolaño, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas neste ano 2013.
É a versión estendida do contacontos de “Roberto Vidal Bolaño na voz da xente”. O argumento pivotará no texto “Os Papalagui”, versión de Vidal Bolaño do texto orixinal de principios do século XX, na que o xefe dunha tribo samoana somete á cultura e estilo de vida dos Papalagui ('home branco') a unha demoledora crítica, na que a ironía e un mordaz humor, porá en tea de xuízo os valores no que se basean. A través da narración dos “Papalagui” farase un percorrido pola vida e obra do dramaturgo compostelán, facendo unha revisión actual e profunda, ao tempo que amena, á súa achega ás Letras Galegas e en especial ao teatro.
A través desta actividade preténdese achegar, de forma lúdica, a figura de Roberto Vidal Bolaño á veciñanza amiense; xerar e fortalecer dinámicas creativas de interacción encol da arte, facendo especial fincapé na dimensión literaria e teatral; ofrecer outro punto de vista á hora de estudar a figura do escritor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas; e fomentar a simpatía e achegamento á cultura e á lectura dende o xogo.
En definitiva, a proposta do Concello, igual que en anos anteriores, é promover unha actividade participativa e artística que posibilite un achegamento vivenciado á figura de Roberto Vidal Bolaño, mediante a que cada participante poida elaborar a súa propia visión do persoeiro. Esta actividade está dirixida a todos os públicos. A entrada é de balde.
Entrega de premios do X Certame Literario
Por outra banda, o xoves 16 de maio, conmemorarase o Día das Letras Galegas. A Casa da Cultura do Milladoiro acollerá, ás 20:00 horas, o acto de entrega dos premios da décima edición do Certame Literario Concello de Ames e do V Certame Artístico-Literario Intercentros. O acto contará coa actuación da Escola Municipal de Música de Ames.
Para rematar coa programación adicada a Roberto Vidal Bolaño, o venres 24 de maio, a compañía Teatro Antroido representará, ás 21:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro a obra “BailadELAS”. Trátase dun espectáculo que está dirixido por Roi Vidal Ponte e Xavier Estévez e interpretado pola actriz Laura Ponte, impulsora xunto con Roberto Vidal Bolaño da compañía Teatro Antroido, revivida para esta produción onde a persoa e os personaxes de Roberto Vidal Bolaño protagonizan esta obra.
Roi Vidal e Laura Ponte realizan a dramaturxia deste espectáculo inspirándose nos personaxes femininos de seis textos de Roberto Vidal Bolaño como son: Laudamuco, Señor de ningures, Bailadela da morte ditosa, Saxo tenor, Días sen gloria, Rastros e Criaturas.





