Pestanas principais

A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle este venres a comedia infantil Ra, ra, ra, escrita e dirixida por Cándido Pazó

Martes, 14 de abril de 2015

[14-04-2015] A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle este venres o espectáculo infantil Ra, ra, ra, da Compañía Abrapalabra Creacións Escénicas. Ofreceranse dous pases: unha sesión escolar, ás 12:30 horas, e outra aberta a todos os públicos, ás 18:30 horas. Para esta última as entradas teñen un prezo de 4 euros para os maiores de 12 anos e os menores desa idade terán un desconto do 50%, así como os que posúan carné de estudante e os maiores de 65 anos. Poden reservarse ata o propio venres ás 14:00 horas a través do enderezo electrónico cultura.milladoiro@concellodeames.org ou no teléfono 981 53 59 40.

Ra, ra, ra é unha obra escrita e dirixida por Cándido Pazó e protagonizada por Beatriz Méndez, Carla Capeáns, Toni Salgado e Víctor Mosqueira. Trátase dun divertido espectáculo no que dous actores e dúas actrices fan que as ras descubran que a noite non é tan escura... ou tal como se recolle na sinopse: Ra Ra Ra, fala de cando as rás, moitísimo tempo atrás, pola noite non cantaban, porque tiñan medo e deitábanse cedo. Así que chegaban as primeiras tebras e, negras, pintaban de sombras o río... Que canguelo! Que arrepío!  

Abrapalabra Creacións Escénicas inicia a súa actividade no 2008 co espectáculo Historias tricolores ou de como aqueles animaliños proclamaron a República. A continuación chegaría A Piragua, -ambas escritas e dirixidas por Cándido Pazó-. Actualmente oferta numerosos espectáculos unipersoais: O falar non ten cancelas, O espectáculo da palabra, Cunqueiradas e Memorias das memorias dun neno labrego, sobre a obra de Xosé Neira Vilas.