Pestanas principais

A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle este venres a clausura do obradoiro de canto

Xoves, 02 de xuño de 2011

[02-06-2011] O obradoiro de canto no que nenos e adultos de Ames levan aprendendo música e técnicas vocais durante todo este curso clausúrase este venres, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns e o vindeiro 10 de xuño a mesma hora na Casa da Cultura do Milladoiro. Os alumnos do obradoiro teñen preparado un festival con cancións moi variadas en distintos idiomas. Música propia, play-back, música tradicional e coros son algunhas das pezas coas que poderá gozar toda a veciñanza.

"Nótase a experiencia ano a ano, tes menos medo a cantar, ao público, sabes controlar a respiración e ves máis posible dedicarte á canción no futuro. Ademais a xente mándame calar porque paso todo o día cantando". Deste xeito se expresa Cristina, alumna do obradoiro desde hai tres cursos que cantará "Manma Mía" no festival. Tamén Aida, catro anos xa no obradoiro, di que lle gusta "tanto a actividade como os profesores" e que no futuro "quero ser cantante e parecerme á profesora". Aida cantará no festival "Nina Azul" e di que estes últimos días ensaia ademais de nas clases na casa.

Irene cantará "Causa e efecto" de Paulina Rubio, é o seu segundo ano e notou e di que medrou como cantante "na respiración e na forza da voz". Osuni chegou ao obradoiro a través do anuncio de actividades culturais que o Concello fai a principio de curso "Gustoume moito e decidín acudir. Eu xa cantaba en casa e as veces na ducha. Gústame tamén que cada un poida elixir a canción que quere". Precisamente con respecto á elección do repertorio que confomará o Festival de despedida do curso, a profesora Sandra Moscato, salienta a influencia dos programas de televisión musicais nos gustos do alumnado: "Inflúen moitísimo, traen as cancións, veñen e dinme que hai unha canción en Eurovisión ou en Operación Triunfo que lles gusta. Outros anos series como Patito Feo influíron moito no repertorio" No festival participarán todos os alumnos do obradoiro, tanto os rapaces dende os 6 anos ata os adultos. Estes interpretarán diversas cancións que prepararon durante o obradoiro. Nas actuacións haberá una escenografía moi preparada e ofrecerase música para todos os gustos. Dende música tradicional, para un público maior, ata música máis actual para os máis mozos. Ademais tamén haberá variación nos idiomas, con cancións en galego, castelán ou inglés.

No obradoiro de canto que se desenvolve durante dous días a semana en cada unha das Casas de Cultura -Bertamiráns e o Milladoiro- hai alumnos novos, que van alternando cada ano, pero hai outros que xa levan moito tempo. Algúns pretenden dedicarse á música, outros seguen preparándose e outros soamente o fan co obxectivo de gozar dunha actividade que lles gusta. Pero todos eles prepáranse a conciencia neste curso no que non só se ten en conta a voz, senón a escenografía, o como pórse diante dun micrófono, como entrar e saír do escenario e a posta en escena: "Na montaxe intentamos ter as mellores pistas, con coros, para que se sintan como verdadeiros artistas riba dun escenario. Vamos a ter algunha que outra sorpresa, proxectaremos imaxes e tamén cantaremos en galego xa que o primeiro son as nosas raíces", explica a profesora.

Moitos dos novos alumnos sofren pánico escénico, así os profesores móstranlles técnicas para familiarizarse e socializarse co seu público. Outro dos puntos nos que se incidiu neste obradoiro foi no feito de que cada un ten a súa propia cor de voz, polo que non hai que tratar de imitar a ninguén, senón ser un mesmo e dar o mellor que cada un poida dar.