[21-03-2012] A programación teatral de marzo complétase este venres 23, ás 21:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns coa representación da peza teatral Último Cowboy, da compañía Teatro do Noroeste. Esta comedia aceda sobre a nosa realidade máis complexa e inmediata, segundo o seu autor e director, Eduardo Alonso, é a produción máis recente da compañía fundada por Alonso e por Luma Gómez. Un traballo que defenden no escenario, en todo un espectáculo actoral, a propia Luma e Miguel Pernas. Esta obra dirixida ao público adulto. As entradas para asistir a esta representación teatral xa están a venta e poden reservarse ata ás 14:00 horas do día 23 de marzo.
Dirixida por Eduardo Alonso e protagonizada por Miguel Pernas e Luma Gómez, a obra leva ao espectador a unha viaxe a través da análise da situación actual, da realidade inmediata, con altas doses de humor acedo, introducindo profundas cuestións sobre as relacións familiares e o importante lugar que ocupa isto na sociedade.
As entradas para asistir á función teñen un prezo de 5 euros para os maiores de 12 anos. Haberá un desconto do 50 por cento para os menores de 12 anos, estudantes con carné e maiores de 65 anos. As entradas pódense reservar ata o venres ás 14:00 horas a través do teléfono 981 535 940 ou o enderezo cultura.milladoiro@concellodeames.org. As entradas reservadas terán que ser recollidas o día da función entre as 20:00 h e as 20:30 horas. As entradas que non se recollan nese horario venderanse a partir das 20:30 horas. Despacharanse un máximo de 4 entradas por persoa.
En Último Cowboy enfróntanse dúas Europas, a Vella e a do Este, expoñéndose con precisión as importantes diferenzas que as separan pero constatando que terán que aliarse en harmónica conxunción se queren manterse á altura do "amigo americano". É tamén unha comedia aceda sobre as relacións familiares. A absoluta posta en cuestión da familia como célula fundamental do noso instinto social. Pero sobre todo é un texto teatral de personaxes e de actores. As dúas personaxes que aparecen nesta obra teatral constitúen a esencia mesma da propia proposta. Soamente xente singular pode achegar singulares visións e só personaxes singulares poden expresar con rotundidade e contundencia a singularidade desta caótica deriva da nosa sociedade.
Segundo indica autor e director da obra, Eduardo Alonso, "quería escribir un texto sobre a crise que nos desfonda economicamente, sobre os bancos que nos sorben os diñeiros, sobre Europa e a súa improbable construción, tamén sobre a soidade do individuo e sobre os valores que nos inculcaron os nosos maiores e que agora xa non teñen vixencia... e saíu Último Cowboy".
Teatro do Noroeste é unha compañía de teatro profesional galega fundada en 1987. Na súa dilatada traxectoria de máis de 20 anos, produciu e distribuíu unha gran cantidade de espectáculos. Entre estes espectáculos pódense subliñar desde textos clásicos como Rei Lear, Macbeth ou Noite de Reis, de William Shakespeare, ou As vodas de Fígaro, de Caron de Beaumarchais, ata textos máis contemporáneos como Os Xustos, de Albert Camús, ou de autores galegos como Historias Peregrinas, ou A gran noite de Fiz, de Miguel Anxo Murado e Unha rosa é unha rosa, de Suso de Toro e o musical, Imperial: Café cantante. Vigo 1936, de Eduardo Alonso. Entre moitos outros.