Pestanas principais

A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle este sábado 20 de decembro o tradicional concerto de Nadal

Martes, 16 de decembro de 2025

O Concello de Ames acolle este sábado, 20 de decembro, o concerto anual de Nadal, a través da Concellaría de Cultura. A partir das 19.00 horas, diversos grupos de baile e música tradicional de Ames pasarán polo escenario do auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns nunha festa do folclore enmarcado na programación de Nadal do Concello. A entrada ao recital é gratuíta ata completar aforo e os convites poden descargarse xa dende a Billeteira electrónica.

A programación do Nadal en Ames continúa este sábado coa celebración do concerto de Nadal, unha actividade xa tradicional nestas datas organizada polo departamento de Cultura. O recital contará coa participación de varios grupos amesáns de baile e música tradicional: as Pandereteiras da Costaneira, Os Retranqueiros, Airiños do Paseo de Colón, Os Castros e A Requinta da Maía (A.C. Follas Novas). A actividade, orientada a todos os públicos, é de balde ata completar aforo.

Abrirán o espectáculo as Pandereteiras da Costaneira, unha agrupación fundada no 2017 e integrada na actualidade por nove mulleres, que participa en diferentes actos culturais, como seráns ou festivais, e que adoita interpretar temas tradicionais do folclore galego e portugués. O seu nome provén das instalacións da Costaneira en Tarrío (Bugallido), onde fan os seus ensaios.

Logo das pandereteiras virá A Requinta da Maía, un grupo formado na Asociación Cultural Follas Novas. Formados por dúas gaitas, dúas requintas, dous clarinetes, un acordeón, caixa e bombo, A Requinta da Maía interpreta música tradicional en festas, procesións e alboradas co obxectivo de difundir a nosa cultura. 

Os Retranqueiros, pola súa parte, naceu no 2015 froito da iniciativa dun grupo de persoas pertencentes á Asociación Cultural co mesmo nome, apaixonadas pola cultura galega. Dende esas, percorren escenarios en Galicia, Portugal, Madrid e mesmo África ofrecendo orixinais espectáculos e demostrando a calidade das súas actuacións. 

Chegando ao final será a quenda de Airiños do Paseo do Colón, da Asociación Cultural Enmaroñados. O grupo naceu dun grupo de amigos exmembros de agrupacións de música tradicional de Bertamiráns e Bugallido co desexo de lembrar aquelas pezas que tocaban, aprender outras novas e volver gozar da música.

Para finalizar o concerto contarase coa presencia de Os Castros, unha escola de gaitas fundada no ano 1992 co espírito de manter vivo o folclore galego. Dende o seu nacemento, o grupo participou en numerosos festivais tradicionais e concursos celebrados por outras asociacións de similar índole. 

Concerto de Reis
Na mesma liña que o concerto de Nadal, celebrarase o concerto de Reis o vindeiro sábado 10 de xaneiro, ás 19:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. No recital, programado dentro das actividades do Nadal en Ames, actuarán diversas agrupacións corais de Ames: coral Lojo Batalla, coral de Piñeiro e Ames, coro de Nuestra Señora do Corpiño de Oca, coro Son Elas e a coral polifónica Antonio Santomil de Bugallido. As entradas son gratuítas ata completar aforo. Os convites para asistir xa se poden descargar na Billeteira electrónica do Concello de Ames.

A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle este sábado 20 de decembro o tradicional concerto de Nadal

Multimedia

  • A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle este sábado 20 de decembro o tradicional concerto de Nadal
  • A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle este sábado 20 de decembro o tradicional concerto de Nadal
  • A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle este sábado 20 de decembro o tradicional concerto de Nadal