Pestanas principais

A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle este sábado, 12 de decembro, un mercado solidario de troco

Xoves, 10 de decembro de 2020

O Concello de Ames vén de presentar a programación “Un Nadal diferente”. Unha das actividades incluídas en dita programación é o mercadiño solidario de troco, que se vai desenvolver na Casa da Cultura de Bertamiráns este sábado 12 de decembro, en horario de 16.00 a 19.00 horas. Esta iniciativa está organizada pola Concellaría de Benestar Social a través da Oficina de Voluntariado de Ames. O obxectivo é recadar alimentos de Nadal. Os veciños e veciñas que acheguen alimentos poderán escoller algo a cambio. Esta iniciativa súmase á campaña de recollida de alimentos de Nadal que está aberta ata o 14 de decembro.

Ames concello solidario, este é o lema da Oficina de Voluntariado de Ames, dependente da Concellería de Benestar Social, que pon en marcha unha nova iniciativa para este sábado, 12 de decembro. Trátase de recadar alimentos de Nadal a través dun mercado solidario de troco. Dita actividade desenvolverase na Casa da Cultura de Bertamiráns, en horario de 16.00 a 19.00 horas. As persoas que acheguen alimentos poderán escoller algo a cambio. A recollida de alimentos basease, sobre todo, na obtención de produtos propios destas datas do Nadal.

Esta iniciativa súmase á campaña de recollida de alimentos de Nadal que está aberta ata o 14 de decembro. Deste xeito, a veciñanza amesá que queira participar nesta campaña aínda está a tempo de achegar os seus alimentos de Nadal en horario de mañá, de 9.00 a 14.00 horas, á Casa do Concello ou ás Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. Tamén se poderán achegar os alimentos ao pavillón municipal de Bertamiráns, en horario de tarde, de 17.00 a 20.00 horas.

A concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, explica que “este ano está sendo un ano difícil, un ano complicado xa non só pola crise sanitaria senón polos efectos que está a ter nas economías dos nosos veciños e veciñas. Dende o noso departamento intentamos axudar, na medida das nosas posibilidades, e unha vez máis recorremos a solidariedade amesá. Entre todos e todas seguro que conseguimos o noso obxectivo que é que ninguén quede atrás”. 

“Dende o Concello durante o ano recollemos alimentos non perecedoiros e, polo tanto, o Banco de Alimentos sempre ten produtos a disposición daquelas persoas que o precisen. Non obstante, con esta campaña en concreto preténdese ir un pouquiño moito máis alá, achéganse unhas datas especiais onde non queremos que falte a ilusión e un sorriso. Con esta recollida específica de produtos de Nadal intentando chegar sobre todo aos fogares das persoas maiores que viven soas e a aqueles onde hai menores", destacada Luísa Feijóo.

Para máis información, pódese contactar coa Oficina do Voluntariado de Ames e co departamento de Educación familiar, a través dos número de teléfonos 662 377 044 / 683 327 378. Outra opción é enviar un correo electrónico ao enderezo voluntariado@concellodeames.org.

Mercadiño solidario de Troco.

Multimedia

  • Mercadiño solidario de Troco.