[21-05-2013] A doutora Otilia Quireza impartirá este mércores 22 de maio, ás 20:30 horas, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns unha charla que leva por título “Libérate da ansiedade: Ti podes!”. A través desta iniciativa proporase un xeito diferente de abordar os problemas derivados da ansiedade. A intención desta charla é que o paciente entenda que lle pasa e porque lle pasa. Deste xeito, dotarase á persoa de ferramentas coas que poderá xestionar correctamente as súas emocións. Aprenderá a cambiar a súa maneira de pensar e mesmo a coñecer que alimentos lle resultarán máis beneficiosos. A entrada será gratuíta e libre ata completar aforo.
A ansiedade está a ser, nos últimos anos, un dos motivos de consulta máis frecuentes, e isto disparou o consumo de ansiolíticos de maneira alarmante. Nesta charla, a doutora Otilia Quireza proporá unha maneira diferente de abordar a ansiedade, practicando unha medicina causal e non soamente sintomática, chegando así á raíz do problema. Desta maneira recupérase a saúde e o benestar físico e psíquico do paciente e todo iso, sen prexudicar ao organismo.
No enfoque integral tense en conta o que come, que pensa, que sente e que fai a persoa que padece ansiedade. A intención desta iniciativa é que o paciente entenda que lle pasa e porque lle pasa. Ao longo do tratamento dotarase á persoa de ferramentas coas que poderá xestionar correctamente as súas emocións. Aprenderá a cambiar a súa maneira de pensar e mesmo a coñecer que alimentos lle resultarán máis beneficiosos. E descubrirá o moito que pode facer por si mesmo para recuperar a súa saúde.
A medicina integral considera á persoa como un todo (corpo, mente e espírito), é dicir, ten en conta os síntomas físicos, pero tamén, as emocións, os sentimentos ou os medos que poida presentar a persoa, sen esquecer as desordes enerxéticas que están sempre presentes.
Otilia Quireza é doutora en Medicina pola Facultade de Santiago de Compostela. Dedícase ao estudo das Terapias Naturais desde o ano 1992. Concentrou a súa atención en aliviar o sufrimento físico e psíquico das persoas que a visitan. Para iso, utiliza diferentes terapias bioenerxéticas como a Homeopatía, Medicina Biológica ou Nutrición Enerxética entre outras. Colaborou con La Voz de Galicia e Radio Voz nas seccións de saúde, así como na revista Saber Alternativo.





