[19-06-2015] A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle este domingo, ás 18:00 horas, o acto de clausura do obradoiro de baile e música tradicional. Neste evento participarán os grupos de baile e música dos Castros e do Concello de Ames. Este obradoiro estivo xestionado pola Asociación Cultural Os Castros. As clases do obradoiro de baile e música tradicional impartíronse desde o pasado mes de outubro nos locais sociais de Bugallido, Biduído e Trasmonte, así como na Casa da Cultura de Bertamiráns. Neste obradoiro participaron uns 140 alumnos/as que asistiron a clases de baile, gaita, pandeireta, percusión e punteiro.
O Concello de Ames e a Asociación Cultural Os Castros, en colaboración coa Papelería Chavián, organizan para este domingo, 21 de xuño, o festival de fin de curso do obradoiro de baile e música tradicional 2014-2015. Este acto estará divido en dúas partes.
Na primeira parte actuarán a escola de gaitas dos Castros e do Concello, que tocarán as muiñeiras do molete e da barcalesa. A continuación intervirán o grupo D dos Castros e do Concello que bailarán a muiñeira da Fonte. De seguido, saíran ao escenario os grupos C, B e A, dos Castros e do Concello para bailar a muiñeira de Arabexo, a muiñeira de Pradela e o pateado de Santiago, respectivamente.
A segunda parte do evento volverá a comezar coa actuación da escola de gaitas dos Castros e do Concello, que interpretará o pasodobre de San Roque e a muiñeira Maruxa. Despois bailarán os membros dos grupos D, C, B e A dos Castros e do Concello, que bailarán a a muiñeira Buxos Verdes, a muiñeira de San Andrés, a muiñeira Redonda e a xota das Nogais, respectivamente.
O acto de clausura finalizará coa Banda de gaitas dos Castros, que tocarán a peza Lecer, a rumba de Carcacía e o pasodobre de Negreira para que o público saía a bailar. Finalmente, rematarán coa interpretación do himno de Galicia.
Impartición das clases
As clases do obradoiro de baile e música tradicional impartíronse desde o pasado mes de outubro nos locais sociais de Bugallido, Biduído e Trasmonte, así como na Casa da Cultura de Bertamiráns. Deste xeito, os sábados no centro social de Bugallido ofrecéronse clases de baile, gaita, punteiro, pandeireta e percusión. Ademais, en Bugallido tamén se impartiron clases de gaita, pandeireta e percusión os xoves.
Por outra parte, os domingos impartíronse clases de punteiro, gaita, pandeireta e percusión no centro sociocultural de Trasmonte. Os luns, na Casa da Cultura de Bertamiráns, ofrecéronse clases de gaita, punteiro, pandeireta e percusión, e os venres, no centro sociocultural de Biduído, impartíronse clases de pandeireta, percusión, gaita e punteiro.




