Pestanas principais

A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle este domingo, 17 de decembro, o concerto de Nadal

Mércores, 13 de decembro de 2023

O Concello de Ames, a través da Concellería de Cultura, organiza para este domingo, 17 de decembro, un concerto de Nadal no que participarán distintas agrupacións amesás de música e baile tradicional. O recital, que se enmarca na programación municipal de Nadal, terá lugar na Casa da Cultura de Bertamiráns ás 19:00 horas. Os convites xa se poden descargar na Billeteira electrónica. A entrada será de balde, ata completar aforo.

O programa de actividades de Nadal do Concello de Ames continúa este domingo, 17 de decembro, co primeiro dos concertos organizados desde o departamento de Cultura nestas datas festivas. Trátase dun recital que contará coa participación dos grupos amesáns: Os Castros, As Maianas, a Asociación Cultural Follas Novas, Os Retranqueiros e Airiños do Paseo de Colón. O concerto, que comezará ás 19:00 horas, desenvolverase na Casa da Cultura de Bertamiráns e terá unha duración aproximada de 90 minutos. Os convites xa se poden retirar na Billeteira electrónica do Concello.

O evento abrirao a asociación cultural Os Castros, que participará coa súa banda de gaitas (que interpretará a muiñeira A Grelada e o pateado de Santiago e Vilamaior) e co seu grupo de baile (que bailará a muiñeira da Fonsagrada). Actualmente, a banda de gaitas conta 30 compoñentes, sumando gaiteiros e percusionistas, que empregan gaitas de buxo, tambores, bombos e pandeiretas, e en ocasións introducen algún elemento non típico como a caixa chinesa para ornamentar algunha peza. Doutro lado, a banda de baile está conformada por tres grupos de persoas de distintas idades comprendidas entre os sete e os corenta anos, e que buscan espallar o folclore por todos os recunchos de Galicia.

Pola súa banda, o grupo de cantareiras As Maianas interpretará Dalle duro, Seavia, María, Cuba e Palmira. Este grupo xestouse no Obradoiro de Baile e Música Tradicional do Concello de Ames, onde gravaron o disco “Xota de Amaía”. Ao longo dos anos, As Maianas gravaron distintos discos con composicións propias nas que se mesturan cancións melódicas e líricas, e actuaron por toda a xeografía galega en todo tipo de festivais, concertos, festas e romarías. Actualmente están a gravar un novo disco.

Por outro lado, a Asociación Cultural Follas Novas tocará a xota das Neves e a panxoliña Nadal de Luíntra. Esta formación, que conta con 47 socios/as, organiza cursos e actividades culturais co obxectivo de promover o interese pola cultura nas súas distintas manifestacións, así como traballar a prol da normalización cultural e lingüística de Galicia.  

Despois, subirán ao escenario Os Retranqueiros, que interpretarán tres pezas: a panderetada de Baldaio, a muiñeira de Merexo e a muiñeira de Cernadela co pasodobre de Sobrado dos Monxes.

Por último, Airiños do Paseo de Colón, tocará o pasodobre A marchiña, a muiñeira 20 compases e a xota Dinamarca. Trátase dunha agrupación formada por oito compoñentes cun repertorio interpretado por gaitas, clarinete, saxo, acordeón, bombo, tambor e pandeireta, que leva participando en festivais e festas patronais dende o ano 2017.

Concerto de Reis
Como peche das actividades de Nadal, o departamento de Cultura organiza na Casa da Cultura do Milladoiro o domingo, 7 de xaneiro de 2024, ás 19:00 horas, un concerto de Reis. Nel participarán diversas agrupacións corais de Ames: coral Lojo Batalla, coro da Nosa Señora do Corpiño de Oca, coral de Piñeiro e Ames, coro Son Elas e coral polifónica de Bugallido. A entrada tamén será de balde ata completar o aforo. Os convites xa se poden descargar na Billeteira electrónica do Concello.

Concerto de Nadal

Multimedia

  • Cartaz do Concerto de Nadal
  • Cartaz do Concerto de Reis
  • Cartaz dos Concertos de Nadal