Pestanas principais

'Carta urxente para Máximo Toxo' volve este domingo a Ames

Venres, 04 de febreiro de 2011

[04-02-2011] A compañía Talía Teatro representará de novo a obra infantil 'Canta urxente para Máximo Toxo' no Milladoiro. A peza foi estreada nesta localidade o domingo 19 de decembro e regresa a Ames no marco do programa da Rede Galega de Teatros e Auditorios. Os pequenos do Concello poderán gozar coas aventuras dun personaxe malhumorado e rosmón e as aventuras que lle suceden cando coñece á súa antítese, Belinda.

A obra infantil "Carta urxente para Máximo Toxo" volve a Ames este domingo día 6 da man de Talía Teatro. A compañía xa representou esta obra no Milladoiro o día 19 de decembro, sendo aquela función a estrea da peza. Nesta ocasión volve dentro da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios. O lugar escollido para a nova representación volverá ser a Casa da Cultura do Milladoiro. A función terá lugar ás 17:00 horas.

A obra, escrita por Diego Rey -director da peza- pretende ser unha reflexión sobre os perigos da soidade nunha sociedade na que abundan as persoas solitarias que viven á marxe da sociedade e na que cada vez é máis frecuente atoparse con rapaces que pasan a vida entre a escola e a casa, na que se encerran coa televisión ou os videoxogos, vivindo a infancia á marxe dos demais rapaces e rapazas e perdendo a oportunidade de desenvolver as súas capacidades de socialización. Todo isto representado a través dunha comedia infantil e familiar marcada por unha estética expresionista que se mostra ao público a través das liñas escenográficas, a iluminación, o vestiario, maquillaxe e, sobre todo, no traballo corporal dos actores.

Máximo Toxo é un bo escritor descoñecido para o público, vive pechado na súa casa na procura da grande obra perfecta que o sitúe no cumio da literatura universal. Isto fai del un ser antipático e rosmón ao que lle repele calquera tipo de contacto social. Como contrapunto a este personaxe, está Belinda, unha sempre sorrinte e inxenua carteira á que lle encargan enviar unha carta urxente a Máximo, veciño ao que nunca lle deixara nada na caixa do correo. A relación que se establece entre estes dous antitéticos personaxes e o contido da carta serán o misterio a resolver da obra.

Estrea en Ames

Esta obra foi estreada en Ames en decembro. O Concello puxo naquela ocasión todos os medios posíbeis para que a obra fose un éxito. As instalacións culturais de Ames foron postas a disposición dos actores non só para a estrea, tamén para os ensaios previos da obra. Deste xeito o Concello puido ofrecer ao público infantil unha obra especialmente indicada para eles. Ames é un dos concellos de Galicia cunha maior poboación xuvenil, xa que hai 1.277 menores de tres anos empadroados, dándose o feito de que se produce unha media dun nacemento diario e que conta cun total de 4.646 habitantes de entre 0 e 12 anos, tramo de idade que neste tipo de espectáculos se sitúa no chamado público infantil. Para eles están dirixidas estas iniciativas culturais.