Pestanas principais

Carricobanda, Oîma, Zoelas e Os DAbaixo actuarán este sábado no Pazo da Peregrina de Bertamiráns

Xoves, 19 de maio de 2016

[19-05-2016] O Festival folk de artistas emerxentes Val da Maía terá lugar este sábado, 21 de maio, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. En caso de choiva os concertos realizaranse baixo unha carpa, onde o público poderá resgardarse para gozar das actuacións dos tres grupos finalistas do certame: Carricobanda, Oîma e Zoelas, así como do grupo convidado Os DAbaixo. O festival comezará ás 21:00 horas en Bertamiráns.

Na páxina de Facebook do Festival Folk de Artistas Emerxentes Val da Maía fóronse presentando ao longo destes días aos tres grupos que chegaron á final. Na páxina pódese albiscar o seu traballo a través de vídeos con algunhas das súas cancións. Este festival foi creado polo Concello de Ames para eles: os grupos noveis que decidiron adicarse a este tipo de música, tocándoa e renovándoa con arranxos e composicións propias.

Carricobanda, Oîma e Zoelas cumpren todos os requisitos do certame, e por iso foron escollidos por un xurado, formado por profesionais do sector, para saír ao escenario este sábado 21 de maio. As 21:00 horas, tras un sorteo no que determinará a orde de actuación, subirán ao escenario os tres grupos finalistas do certame. Ás 23:00 horas, xa despois de darse a coñecer o grupo gañador, comezará a actuación do grupo Os D'Abaixo.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Bertamiráns acolle mañá o Festival Folk Val da Maía"