Pestanas principais

A Carreira Pedestre Popular de Ames suma 1.400 inscritos na súa 15ª edición

Venres, 17 de outubro de 2014

[17-10-2014] O Concello de Ames ultima os preparativos para a celebración da décimo quinta edición da Carreira Pedestre Popular, que se celebrará o domingo na localidade de Bertamiráns. Unhas 1.400 persoas, afeccionadas e deportistas, realizaron a súa inscrición superando as cifras acadadas en edicións anteriores. Haberá un total de 13 categorías que correrán distancias comprendidas entre os 200 metros e os 10 kilómetros. O Comité de Xuíces da Federación Galega de Atletismo encargarase, un ano máis, do control técnico da carreira. Ao remate farase a entrega de premios ás categorías establecidas no regulamento da proba.

Os participantes locais representan o 40% das inscricións
O alcalde de Ames, Santiago Amor, adianta que “o domingo será unha gran festa deportiva e social. A pedestre cumpre quince anos dando un salto cualitativo na participación, que con 1.400 dorsais se consolida como unha das probas máis importantes de Galicia. Para o Concello é unha gran satisfacción pola capacidade de convocatoria e, sobre todo, polo enorme pulo que se lle dá á práctica do deporte como modelo a seguir por todos, grandes e pequenos”.

A Federación Galega de Atletismo colabora dende a primeira edición na organización desta tradicional cita co deporte amiense e o Comité de Xuíces encargarase de controlar toda a carreira. O delegado federativo en Compostela, Iván Sanmartín, sitúa esta competición “moi preto das organizadas en cidades como Santiago, Ourense, A Coruña e Vigo”. Ademais, destaca que “en Galicia é a carreira que máis participación local reúne, acadando, este ano, o 40% das inscricións”.

Ata 471 persoas correrán na proba absoluta, unha competición que Sanmartín cualifica de “rápida e fácil porque carece de costas pronunciadas e é apta para calquera persoa”. Con todo, lanza unhas recomendacións aos participantes: “hidratarse adecuadamente, realizar un quencemento previo, dosificar o esforzo e estirar despois de correr”. Segundo el, “debemos aproveitar este tipo de eventos para engancharnos á práctica deportiva e á vida saudable. Estes son os obxectivos máis importantes en calquera carreira popular”.

Premios para os tres primeiros clasificados de cada categoría
Ao remate das competicións, –cara as 14:00 horas–, farase a entrega de premios para os tres primeiros clasificados de cada categoría agás nos grupos de prebenxamíns e pitufos nos que todos os participantes levarán unha medalla conmemorativa. Ademais, as persoas empadroadas no Concello de Ames que acaden os tres mellores resultados na proba absoluta tamén recibirán un trofeo. Paralelamente, disputarase a penúltima proba do II Circuíto de Carreiras Populares da Deputación de A Coruña, que rematará o 9 de novembro en Negreira e no que tamén se entregarán galardóns.

Cortes de tráfico e restricións de estacionamento
O Concello de Ames informou que durante a celebración da carreira haberá cortes esporádicos de tráfico nalgúns puntos do percorrido. Entre as 10:45 e as 13:00 horas cortarase o tránsito de vehículos nas avenidas de José Luis Azcárraga e Maía, na rúa de Alcalde Lorenzo, na pista da depuradora, na aldea de Sisalde, na urbanización As Cortes, na rúa Lodeiro, na Travesía de Lodeiro e nas rúas do Cómaro e Camiño Novo. Ademais, dende o sábado ás 17:00 horas e ata o domingo ás 15:00 horas, quedará prohibido estacionar os vehículos na avenida José Luis Azcárraga.
Unha das novidades deste ano é o aumento da distancia na proba absoluta, pasando dos 8.000 aos 10.170 metros, que transcorrerán íntegramente por superficie asfaltada. Esta competición iniciarase ás 10:45 horas. As categorías xuvenil-junior e veteranos, é dicir, os nacidos no ano 1998 e anteriores, deberán percorrer un itinerario que parte do núcleo urbano cara ao lugar de Covas, e a continuación, estenderase ata a aldea de Capeáns. Xa na rúa A Rosaleda, os corredores deberán dirixirse á Avenida da Maía para chegar posteriormente ao paseo fluvial. De seguido, terán que dirixirse polo vieiro próximo a Ortoño –Punxeiras Altas– ata chegar a Sisalde. O retorno farase pola mesma vía secundaria ata chegar novamente ao paseo fluvial antes de finalizar no Pazo da Peregrina.

Ás 12:00 horas, tras a competición absoluta, está previsto que comecen as probas da categoría pitufo –nados no ano 2010 e posteriores–, que correrán unha distancia de 200 metros. A esta seguiranlle os grupos prebenxamíns (350 metros), benxamíns e alevíns (1.000 metros), infantís (2.000 metros) e cadetes (2.800 metros), é dicir, todos os nacidos entre os anos 2000 e 2009. Estas probas reunirán a máis de 900 participantes, feito que indica o bo traballo que se está a facer desde a base do deporte no concello.

En todas as probas, os puntos de saída e chegada serán os arredores do Pazo da Peregrina, na Avenida de José Luis Azcárraga e todos os corredores terán que estar na saída 10 minutos antes de comezar a súa proba. Será obrigatorio levar un dorsal na parte anterior do corpo durante a competición, que se poderá recoller na secretaría da organización situada no Pazo da Peregrina, o día antes da carreira (entre as 17:00 e as 20:00 horas) ou ata media hora antes da proba. Tamén recibirán un chip que irá colocado nunha das zapatillas.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "La Carreira Popular de Ames suma 1.400 participantes"
El Correo Gallego: "A Carreira Pedestre Popular de Ames suma 1.400 inscritos na súa 15ª edición"
La Voz de Galicia: "Más de mil cuatrocientos atletas se inscribieron en la carrera pedestre de Bertamiráns"