A presentación,celebrada en O Transistor, en Bertamiráns, contou coa participación da voceira do BNG de Ames, Escarlata Pampín e a deputada provincial de dereitos civís, Sol Agra, quen puxo en valor a figura de Callón como profesor, investigador, activista e escritor.
Na súa intervención, Pampín reclamou a necesidade de seguir pelexando pola igualdade de dereitos “tal día coma hoxe de hai 20 anos no Congreso dos Deputados aprobábase a Lei do matrimonio igualitario. Dúas décadas despois toca seguir loitando contra a discriminación que aínda seguen a sufrir moitas persoas e tamén polo dereito de amar libremente e sen medo. Dereitos ameazados ante o avance da dereita máis reaccionaria”, salientou.
No acto, Carlos Callón, puxo de manifesto o problema que supón o descoñecemento da historia debido á falta de interese en investigala e documentala “temos unhas universidades que continúan estando maioritariamente de costas ao país” afirmou. E xustamente indagando é como se foi escribindo esta obra partindo de textos procedentes da propia época. Un libro creado para visibilizar a realidade histórica que mostra a diversidade amatoria da época medieval e a posterior configuración da intolerancia e o silenciamento, centrándose sobre todo en documentación galega e portuguesa.
Foi unha presentación didáctica e divertida, mais tamén reivindicativa, como acostuman ser todas as de Carlos Callón, que rematou cos todos os asistentes collidos da man recordando a Ramón Otero Pedrayo ó que puxo como exemplo de lealdade e dignidade. “É verdade que estamos en momentos difíciles, somos nacionalistas galegos e sabemos o que é loitar por todas as diversidades, sabemos demasiadas veces o que é enfrontar as sombras, pero tamén sabemos que aquí ninguén solta a man de ninguén e teñen que ter moi claro que cada vez que digan que van a por unha persoa, diremos: perdoe, ten algo que dicirlle ó meu amigo ou á miña amiga? Porque ten que saber que antes vai ter que dicírnolo a nós”, concluíu Callón.






