[14-10-2014] Este venres, 17 de outubro, ás 21:00 horas, a Casa da Cultura de Bertamiráns acolle o espectáculo cómico do humorista Carlos Blanco e do debuxante Luís Davila. Trátase dun monólogo de 80 minutos de duración, que está dirixido ao público adulto, no que Carlos Blanco narra historias que son ilustradas nunha pantalla xigante por Luís Davila. As entradas para asistir a este espectáculo poden reservarse ata o venres 17 de outubro, ás 14:00 horas, a través do teléfono 981 53 59 40 ou enviando un correo electrónico ao enderezo cultura.milladoiro@concellodeames.org.
O novo show de Carlos Blanco, “Menú do día”, conta coa colaboración de luxo do debuxante Luís Davila. Este espectáculo recolle o nunca visto... mentres Carlos Blanco narra as súas historia en directo, o debuxante Davila debuxa nunha pantalla xigante estas historias. “Novas e vellas”, “As bravas do país”, “Dora a desbrosadora”, “os kiwis”... son algunhas das historias que narra o humorista galego, mentres Davila as ilustra. Trátase dun espectáculo chamado a encher os grandes teatros de Galicia. Unha complexa aposta técnica (animación incluída). Con música composta para o espectáculo por Budiño e Kepa Junkera.
As entradas para asistir a esta función teñen un prezo de 5 euros para os maiores de 12 anos. Haberá un desconto do 50 por cento para os menores de 12 anos, estudantes con carné e maiores de 65 anos. As entradas pódense reservar ata o venres 17 de outubro, ás 14:00 horas, a través do teléfono 981 53 59 40 ou enviando un correo electrónico a cultura.milladoiro@concellodeames.org. As entradas reservadas terán que recollerse o día da función entre as 20:00 h e as 20:30 horas. Os billetes que non se recollan nese horario venderanse a partir das 20:30 horas. Despacharanse un máximo de 4 entradas por persoa.
Programación teatral para o mes de outubro
A programación teatral continuará o venres, 24 de outubro, ás 18:30 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. A compañía Caramuxo Teatro representará a obra “As fabas máxicas”, que está dirixida a público infantil (nenos/as de máis de 4 anos).
A programación de teatro de outubro remata o venres, 31 de outubro, coa presentación de “As mil vidas de Matías Houseman”, da compañía Teatro do Adro. Esta obra está interpretada polo veciño de Ames, Josito Porto, que no ano 2013 acadou o premio María Casares ao mellor actor protagonista pola interpretación deste texto.




