[21-10-2013] Durante a vindeira fin de semana a organización Cáritas parroquial San Xoán de Ortoño organiza un rastrillo solidario co obxectivo de recadar fondos cos que axudar a todas aquelas persoas que atravesan unha difícil situación económica ou á veciñanza amiense que dispón de menos recursos. Este rastrillo solidario desenvolverase o sábado 26 e o domingo 27 no local parroquial de Cáritas en Bertamiráns, que está situado na rúa Poeta da Maía, número 1 baixo. Neste mercadiño venderase roupa sen estrear e roupa usada, que está en moi bo estado, tanto para nenos/as coma para homes e mulleres. Tamén se porán a venda complementos como zapatos e bolsos. A maioría dos prezos irán dende 1 ata os 5 euros. Aínda así, haberá algunha prenda que custará 10 euros.
A entidade Cáritas parroquial San Xoán de Ortoño está organizando un rastrillo solidario para os días 26 e 27 de outubro co fin de axudar aos veciños e veciñas máis necesitados de Ames. O obxectivo desta iniciativa é recadar fondos a través da venda de roupa e complementos.
O mercadiño solidario desenvolverase o sábado 26 e o domingo 27 no local parroquial de Cáritas en Bertamiráns, que está situado na rúa Poeta da Maía, número 1 baixo. O horario de apertura será dende as 10:00 h ata as 21:00 horas, de forma ininterrompida. Neste rastrillo venderase roupa sen estrear e roupa usada, que se atopa en moi bo estado. Tamén se venderán complementos como bolsos e zapatos. Todas as prendas de roupa e complemento foron doados por veciños e veciñas de Ames.
Esta iniciativa está dirixida tanto ás persoas que dispoñen de poucos recursos e desexen comprar roupa a un prezo moi baixo coma a aqueles veciños/as que queiran colaborar nesta iniciativa dando un donativo a cambio da compra dunha peza de roupa ou dalgún complemento que necesite. A maioría dos prezos irán dende 1 ata os 5 euros. Aínda así, haberá algunha prenda que custará 10 euros. Poderase adquirir roupa para nenos/as, homes e mulleres.
Os fondos recadados irán destinados a Cáritas parroquial San Xoán de Ortoño para comprar alimentos e doalos a todas aquelas persoas que carecen de recursos económicos. Tamén se destinarán a pagar os recibos de subministro de luz, gas ou auga, así como recibos de aluguer de vivenda de aqueles veciños/as que están sen traballo e tampouco teñen recursos.





