Pestanas principais

Cáritas parroquial San Xoán de Ortoño organiza para este sábado, 29 de marzo, un concerto solidario no que actuará o grupo +Tango

Mércores, 26 de marzo de 2014

[26-03-2014] A organización Cáritas parroquial San Xoán de Ortoño, en colaboración co Concello de Ames, organizou para este sábado, 29 de marzo, un concerto solidario do grupo arxentino +Tango. A cita será ás 20:30 horas no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. A través desta iniciativa preténdese recadar fondos cos que axudar ás persoas máis necesitadas que atravesan unha difícil situación económica. As entradas teñen un custo de 5 euros e poden recollerse no local parroquial de Caritas (situado na rúa Poeta da Maia, número 1, en Bertamirans) na igrexa parroquial de Ortoño e na capela da Peregrina. Ademais, as entradas tamén se poderán mercar na Casa da Cultura de Bertamiráns xusto antes do comezo do espectáculo. Existe unha Fila 0 para todas as persoas que non poidan acudir ao concerto.

A entidade Cáritas parroquial San Xoán de Ortoño, en colaboración co Concello de Ames, está organizando un concerto solidario para este sábado, 29 de marzo, co fin de axudar aos veciños e veciñas máis necesitados de Ames. O espectáculo terá lugar ás 20:30 horas no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. O obxectivo desta iniciativa é recadar fondos para colaborar coas persoas que carecen de recursos e recurren a Cáritas. O diñeiro recadado será empregado para comprar productos de alimentación e pagar facturas de consumo de electricidade, auga, etc.

Neste concerto actuará o grupo arxentino +TANGO que está integrado por catro veciños e unha veciña de Ames. O espectáculo de +Tango está composto por música, baile e palabras. Este grupo está composto por un elenco de artistas que senten o tango na súa propia pel. Un dos seus compoñentes é Alejandro Szabo, que toca o bandoneón. Este músico executa de maneira maxistral e única este instrumento tan ligado ao tango dende unha idade moi temperá. Outro dos membros do grupo é Daniel Rilo. Trátase dun xornalista, escritor e condutor radial que ligará cada interpretación coa historia e segredos do tango. Emilce Rosana é a voz feminina do grupo e encherá o espazo sonoro con notas cargadas de barrio e arrabalde. Hector Rial levará a súa interpretación sentida ata o corazón dos espectadores e Julio Pereda Suárez tocará o piano.

Música e baile
Todo iso compleméntase de forma incomparable pola arte e profesionalidade do bailarín arxentino Marco González, quen xunto á súa parella encherá a sala de paixón e movemento.

As persoas que asistan a este espectáculo transportaranse ao Río da Prata, berce do 2x4, embuídos pola maxia do tango e arroupados pola paixón dun elenco de excepción. Ademais serán parte vital da iniciativa promovida por Caritas posibilitando o obxectivo de colaborar con quen máis o necesita.

As entradas teñen un custo de 5 euros e poden recollerse no local parroquial de Caritas (situado na rúa Poeta da Maia, número 1, en Bertamirans) na igrexa parroquial de Ortoño e na capela da Peregrina. Ademais, as entradas tamén se poderán mercar na Casa da Cultura de Bertamiráns xusto antes do comezo do espectáculo. Existe unha Fila 0 para todas as persoas que non poidan acudir ao concerto.