Pestanas principais

A Capela da Peregrina en Bertamiráns conta cun novo retablo

Sábado, 22 de decembro de 2012

[22-12-2012] A capela da Peregrina de Bertamiráns acolle desde o pasado domingo un novo retablo, elaborado por un prestixioso mestre de Belas Artes e executado en Santiago de Compostela. O acto de inauguración contou coa presenza do alcalde de Ames, Santiago Amor, de varios concelleiros do grupo de Goberno e do Arcebispo de Santiago, Julián Barrio Barrio.

A elaboración deste retablo foi posible debido á colaboración da Confraría da Peregrina, dos veciños e veciñas da parroquia de Ortoño e de todos os cidadáns que quixeron facer a súa aportación. Tratase dunha obra moderna que conta cunha estrutura escalonada e cun gran corpo central no que está o sagrario e a imaxe da Peregina. Ademais, conta con outros catro corpos nos que se sitúan as imaxes dos apóstolos Pedro e Pablo e as de Francisco Xabier e Santo Domingo de Guzmán. O conxunto completase con dúas lámpadas.

O proxecto comezou hai uns meses, cando o párroco José Luis Dorelle e a xunta directiva da confraría decidiron construír un retablo para ennobrecer o espacio no que se sitúa a imaxe da Peregrina e para que as outras imaxes da capela volveran á súa antiga orde que tiñan no Pazo da Peregrina.

Nestes días, a Confraría da Peregrina conmemora o seu cincuenta aniversario cunha exposición na capela que recorda estes anos de historia desde a súa fundación en 1962.