Pestanas principais

Cándido Pazó presenta na Casa da Cultura de Bertamiráns o seu último espectáculo "Decamerón. Historias para tempos ruíns"

Mércores, 20 de marzo de 2013

[20-03-2013] A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle este venres 22 de marzo, ás 21:00 horas, a representación da última produción de Cándido Pazó. Trátase da primeira adaptación escénica en formato de monólogo teatral do libro de contos, Decamerone, escrito no século XIV polo italiano Giovanni Boccaccio. As entradas para asistir a este espectáculo pódense reservar ata o venres 22 de marzo, ás 14:00 horas, a través do teléfono 981 535 940 ou enviando un correo electrónico a cultura.milladoiro@concellodeames.org. Tamén se poderán mercar o día da función na Casa da Cultura de Bertamiráns a partir das 20:30 horas.

Decamerón é un espectáculo unipersoal no que, baixo o subtítulo Historias para tempos ruíns, Cándido Pazó adapta algúns dos contos máis divertidos e mordaces deste clásico italiano do século XIV, buscando sacar o máximo proveito das metáforas que poden establecerse respecto da actual situación social e económica. Esta nova creación escénica de Pazó (na que el mesmo se encarga da adaptación, dirección e interpretación como cómico-narrador) está producida por Abrapalabra Creacións Escénicas.

Seguindo a fórmula híbrida que xa empregou en Memorias dás memorias dun neno labrego, a combinación de teatro e narración oral da man dun dos máis destacados narradores da escena galega ten como resultado un espectáculo cómico de gran carga irónica e ritmo moi dinámico, en busca dunha continua conexión entre actor e espectadores.

Neste caso, o punto de partida é o libro de contos de Boccaccio, considerado un dos fitos narrativos da literatura europea. A obra, prohibida pola Inquisición, rompe co tenebrismo medieval a través do humor, o erotismo e a celebración da vida que se desprenden de cada un dos contos cos que os novos protagonistas entretéñense mentres se refuxian da peste bubónica que nese tempo arrasa Europa. Cándido Pazó propón aquí un refuxio teatral e a risa como catarse fronte á nosa epidemia contemporánea, que define como "a peste económica".

A escenografía e o vestiario deseñados por Carlos Alonso inciden na potencia metafórica e estética da montaxe, que se reforza así mesmo coas atmosferas (cómicas ou poéticas, segundo a ocasión) creadas pola iluminación que asina Afonso Castro, quen exerce ademais de axudante de dirección e de xefe técnico. Tamén contribúe de maneira definitiva á ambientación a música especialmente composta para este Decamerón por Manuel Riveiro, gravada por el mesmo nas guitarras, percusión, piano e programación, xunto a Harry C en viola, violín e mandolina.

Reserva de entradas
As entradas para asistir a esta función teñen un prezo de 5 euros para os maiores de 12 anos. Haberá un desconto do 50 por cento para os menores de 12 anos, estudantes con carné e maiores de 65 anos. As entradas pódense reservar ata o venres 22 de marzo, ás 14:00 horas, a través do teléfono 981 535 940 ou enviando un correo electrónico a cultura.milladoiro@concellodeames.org. As entradas reservadas terán que recollerse o día da función entre as 20:00 h e as 20:30 horas. Os billetes que non se recollan nese horario venderanse a partir das 20:30 horas. Despacharanse un máximo de 4 entradas por persoa.