Pestanas principais

A campaña “Non esquezas doar antes de veranear” da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue chega ao concello de Ames

Martes, 08 de xullo de 2025

A directora da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), Marisa López García, achegouse esta mañá ata Bertamiráns, onde foi recibida polo alcalde de Ames, Blas García, e pola concelleira de Promoción da Saúde, Susana Señorís. Deste xeito, visitaron a unidade móbil estacionada en Bertamiráns para promover a campaña estival de doazón “Non esquezas doar antes de veranear”. A iniciativa pretende sensibilizar á cidadanía galega da importancia de doar sangue nos meses de verán, co obxectivo de acadar as 27.000 doazóns que precisan os hospitais galegos para axudar a milleiros de doentes durante este período. No 2024 o municipio de Ames obtivo 1.501 doazóns cunha taxa que acadou as 46 doazóns por cada 1000 habitantes e ano.

A unidade móbil de ADOS está estacionada durante toda a xornada deste martes, 8 de xullo, na avenida da Maía, diante da praza da Maía, para atender a todas as persoas que desexen doar. Ademais, o vindeiro luns 14 de xullo estará no Milladoiro, ao carón do novo centro de saúde, en horario de 15.30 a 21.00 horas.

Dende a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) estase promovendo a campaña estival de doazón “Non esquezas doar antes de veranear”. A iniciativa pretende sensibilizar á cidadanía galega da importancia de doar sangue nos meses de verán, co obxectivo de acadar as 27.000 doazóns que precisan os hospitais galegos para axudar a milleiros de doentes durante este período. 

Esta iniciativa desenvolverase en 220 concellos galegos nos meses de verán, a época de maior dificultade para acadar as 400 doazóns de sangue diarias que precisan os hospitais, polo que é necesario desenvolver iniciativas para sensibilizar e impulsar á participación da veciñanza.

Ames, concello solidario
No pasado ano 2024, o concello de Ames, acadou as 1.501 doazóns de sangue, cunha taxa de 46 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, 7 puntos por encima da media galega. Dende ADOS amosaron o seu agradecemento pola colaboración do concello de Ames e especialmente pola súa axuda e apoio no desenvolvemento desta campaña estival, cuxo obxectivo é que os doadores habituais participen antes de desfrutar das súas vacacións, e mobilizar tamén ás persoas que coñecen a importancia deste xesto solidario, pero levan tempo sen doar sangue.

A directora da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), Marisa López García, subliñou que “Ames actualmente conta cunha taxa de 46 doazóns por cada 1.000 habitantes, unha taxa que se atopa 6 puntos por enriba da media galega e que mellora en 3 puntos con respecto ás cifras do concello no ano 2023”. Así mesmo, destacou que esta porcentaxe “é un dato moi positivo por parte do labor que realizan os veciños e veciñas, xa que doar é un xesto que se fai imprescindible ao longo do verán. Precisamos máis de 400 doazóns diarias para dar resposta a calquera necesidade que poida xurdir en toda Galicia, polo que está baixo a nosa responsabilidade manter un número de reservas axeitado”.

O alcalde de Ames, Blas García, destacou que “dende Ames sumámonos a dita campaña porque somos un concello solidario. Eu apelo á xenerosidade dos veciños e veciñas de Ames para que aproveiten que hoxe temos a unidade móbil de doazón en Bertamiráns e o vindeiro luns no Milladoiro, para que se acheguen e doen, como fan habitualmente. Ames é un concello que colabora de xeito importante coa Axencia de Doazón de Órganos e Sangue. Somos un municipio con moita poboación moza e iso axuda a que contemos cun alta taxa de doazóns. O traballos que se fai dende ADOS é moi importante porque nunca sabemos cando imos poder necesitar nós mesmos ou algún familiar as reservas de sangue do Sergas”.

Facilidades para doar sangue
Para facilitar a participación nesta campaña, as unidades móbiles de ADOS realizarán 800 desprazamentos para achegar a doazón de sangue a cidades, vilas e parroquias de toda Galicia, dende o 13 de xuño ao 15 de setembro. Así mesmo, a campaña levará a cabo unha intensa labor informativa, na que conta coa colaboración dos concellos, que achegarán información sobre a doazón de sangue ao tecido asociativo. 

Hai que ter en conta que o sangue non se pode fabricar e soamente pódese obter grazas á doazón voluntaria das persoas. Os compoñentes do sangue que se obteñen son vitais para atender a milleiros de doentes. Calquera persoa entre 18 e 70 anos que pese máis de 50 quilos cunha boa saúde, pode achegarse ás unidades móbiles de ADOS ou aos locais de doazón de sangue nas sete grandes cidades, onde serán atendidos por persoal sanitario especializado.

ADOS lembra que doar sangue é un xesto sinxelo, xeneroso e solidario, e convida a toda a cidadanía, maior de idade e en bo estado de saúde, a participar nesta campaña e dedicar 15 minutos do seu tempo para salvar vidas. Doar antes de veranear é garantir que a sangue estará dispoñible cando máis se precisa.

Novas relacionadas: 

La Voz de Galicia: "La campaña de donación para en Ames para recordar que en verano se necesita sangre"

El Correo Gallego: "Ames rexistra 1.501 doazóns de sangue en total no 2024"

Diario de Santiago: "Ames se vuelca con la campaña de donación de sangre para garantizar reservas antes del verano"

A campaña “Non esquezas doar antes de veranear” da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue chega ao concello de Ames

Multimedia

  • A campaña “Non esquezas doar antes de veranear” da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue chega ao concello de Ames
  • A campaña “Non esquezas doar antes de veranear” da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue chega ao concello de Ames
  • A campaña “Non esquezas doar antes de veranear” da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue chega ao concello de Ames
  • A campaña “Non esquezas doar antes de veranear” da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue chega ao concello de Ames