Pestanas principais

A campaña municipal "Oficinas sostibles" avoga polas boas prácticas ambientais nos centros de traballo

Mércores, 30 de marzo de 2011

[30-03-2011] O Concello de Ames vén de poñer en marcha unha campaña de concienciación sobre a importancia dos pequenos xestos nos centros de traballo para a defensa e conservación do medio ambiente. Esta iniciativa, que fai fincapé na responsabilidade individual de cada persoa, súmase ás medidas que o goberno municipal xa ten tomado para potenciar unha concepción renovable do Concello tanto como institución como en calidade de centro de traballo. Para incidir na responsabilidade individual como clave para un desenvolvemento sostible editouse unha pequena guía, que recolle as medidas de aforro que pode adoptar cada traballador.

Conseguir uns centros de traballo sustentables e respectuosos co medio ambiente mediante a concienciación sobre a importancia da acción e da responsabilidade individual é o obxectivo da campaña que vén de lanzar a Concellaría de Promoción Económica, Turismo e Medio Ambiente. A iniciativa, que leva por nome "Oficinas Sostibles", sérvese dunha guía explicativa que, dividida en varias pestanas, amosa as diversas medidas a prol do medio ambiente que se poden adoptar dende as oficinas, despachos... a respecto do material informático e teléfonos móbiles, a tinta e o tóner, o papel, a auga, a enerxía, o material de oficina e os vehículos. "Oficinas sostibles" guíase por unha idea de fondo: a importancia dos pequenos xestos e as accións cotiás que calquera persoa pode ter en conta para contribuír á conservación do medio ambiente.

A contribución e a responsabilidade de cada unha das persoas nos seus postos de traballo é imprescindible para acadar o obxectivo dunha oficina sostible a respecto do medio ambiente. Segundo indica a concelleira de Medio Ambiente, Úrsula Seijas, "os pequenos xestos e mudanzas no proceder diario van sumando pouco a pouco un todo inmenso que se amosa imprescindible para lograr un desenvolvemento sostible".

Úrsula Seijas explicou "por iso comezamos a guía cun pequeno recordatorio desa responsabilidade individual, incidindo en que o medio non é algo axeo a nós, pois todo o que nel ocorre inflúe na vida diaria de toda a cidadanía. Estruturamos a guía en varias partes (auga, enerxía, papel...) ofrecendo tanto os motivos ambientais polos que é conveniente reducir o consumo, é dicir as razóns de porqué hai que aforrar, como aquelas medidas que nós, diariamente, podemos realizar para logralo".

Apartados da guía

No seu primeiro apartado, dedicado ao material informático e os teléfonos móbiles, alerta sobre o desperdicio de metais, plástico e vidros que supón a non reciclaxe destes aparellos cando fican inservibles. Ademais, recoméndase xestionar de xeito adecuado os residuos, lembrando a obriga das empresas de recoller o material de refugallo, e empregar os colectores específicos de baterías.

O segundo apartado fai referencia ao emprego de tinta e tóner, e lembra como a fabricación destes materiais trae consigo consecuencias nocivas para o medio. Así, indica como na fabricación do "negro do fume", un compoñente das tintas, se produce unha gran contaminación ambiental. A guía recomenda sinxelas accións como imprimir en calidade borrador, empregar cartuchos reciclados ou a fotocopia a dupla cara.

No terceiro apartado, papel, lémbrase que as oficinas son "devoradoras de papel" moitas veces sen xustificación. A guía indica consellos básicos como o emprego de papel reciclado, o emprego de medios de comunicación electrónica ou a importancia de optimizar espazos. O seguinte apartado, a auga, fai fincapé en medidas moi doadas como pechar ben as billas cando non se empreguen ou lembrar que o inodoro non é unha papeleira.

A guía dedica outro apartado ao consumo de enerxía nos centros de traballo. Indica que a procedencia desta enerxía son recursos naturais esgotables e recorda a necesidade de reducir o consumo. Recoméndanse consellos como empregar a luz natural na medida do posible, apagar as pantallas dos ordenadores inactivos ou o propio ordenador se vai botar tempo sen ser empregado, desenchufar os equipos, minimizar a calefacción en salas baleiras ou minimizar o emprego de aire acondicionado.

A respecto do material de oficina, a guía recomenda no seu seguinte apartado empregar arquivadores e carpetas de cartón reciclado, de polipropileno ou de polietileno e rotuladores e bolígrafos que se poidan recargar. Ademais, recomenda rexeitar produtos dun só uso, con disolventes orgánicos, de PVC, lacados ou non recargables. O último apartado, dedicado aos vehículos, dá unha serie de recomendacións como circular en marchas longas e manter a velocidade.

Difusión interna e externa da campaña

Tendo presente o papel exemplarizante que o Concello e os seus traballadores teñen como a administración máis próxima ao cidadán difundiuse, en primeiro lugar, entre os empregados municipais esta campaña animando a todo o persoal a poñer en práctica as medidas de aforro contempladas nesta guía que foi repartida entre todos os traballadores.

Sobre a propia guía, a concelleira destacou que "é froito dun traballo de moito tempo tanto na recompilación de todos os consellos e observacións, elaborando un texto co conxunto que se intentou que non fose moi denso, como na estruturación e disposición de contidos seguindo un deseño atractivo que o fixese de doada lectura. Tras unha primeira etapa de difusión interna, esta campaña dirixirase tamén ás empresas do Concello que recibirán así esta serie de consellos cos que contribuír á conservación do medio ambiente".

Pola súa parte, o Concello como institución xa puxo en marcha varias medidas de aforro, por exemplo respecto á auga (substitución de regos de aspersión por regos de goteo onde resulta factíbel e incorporación de billas con pulsador, e cisternas con dobre descarga en edificios de nova construción) e respecto á enerxía (fomento das enerxías renovables coa instalación de paneis solares no Club de Piragüismo, na gardería municipal O Bosque, nos pavillóns municipais de Bertamiráns e do Milladoiro. Instalación de detectores de presenza e luminarias de baixo consumo na Casa da Cultura de Bertamiráns e Milladoiro, nas oficinas municipais, na escola de educación infantil do Milladoiro e no centro de saúde do Milladoiro).

Mediante a instalación de paneis solares ao longo de 2010, evitouse a emisión de 12.078 quilos de dióxido de carbono. Ademais, o Concello adquiriu impresoras e copiadoras de tóner reciclado e funcións de aforro enerxético. Tamén se configuraron os equipos informáticos en modo de aforro enerxético e foron lanzadas campañas de recollida de móbiles, entre outras. Estas medidas son tan importantes como as pequenas accións que a guía recomenda.

Fogares máis sostibles

Esta campaña enmárcase dento do programa municipal de fomento das boas prácticas ambientais na nosa vida diaria, de xeito que todos sintamos a nosa responsabilidade e colaboración na conservación e mellora do medio. A guía de oficinas sostibles únese a outra guía que xa se editou sobre distintas medidas que se poden levar a cabo para conseguir uns fogares máis sostibles. Nesta primeira guía recóllense varias recomendacións para diminuír o peso, o volume e a toxicidade en envases e embalaxes de produtos; empregar de novo un obxecto cun fin distinto ao que se mercou; reciclar un residuo nun produto que se usará co mesmo ou con distinto fin ao orixinal e sobre o aforro enerxético (en calefacción, aire acondicionado, iluminación, no uso dos electrodomésticos e no consumo de auga).