Pestanas principais

A campaña de recollida de xoguetes para o Nadal estará aberta ata o vindeiro 2 de xaneiro

Xoves, 01 de decembro de 2011

[01-12-2011] O Concello de Ames puxo en marcha o pasado 28 de novembro unha nova edición da campaña solidaria de recollida de xoguetes para que os cativos de familias con menos recursos poidan gozar tamén dun agasallo durante as festas do Nadal. Ao longo de todo o mes de decembro as persoas que desexen facer unha doazón poderán achegarse ás casas da cultura do Milladoiro e de Bertamiráns para deixar todos aqueles xoguetes que desexen doar. Poden facerse doazóns desde o 28 de novembro ata o 2 de xaneiro, de luns a venres, en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 horas. Prégase que os obxectos doados sexan novos ou se atopen en bo estado, e non teñan carácter bélico nin sexista.

A Concellaría de Deportes, Tempo Libre e Voluntariado, a través da Oficina do Voluntariado do Concello de Ames (OVA), acaba de poñer en marcha a décima edición da campaña de recollida de xoguetes. Este ano, baixo o lema "En Ames todos/as xogamos", a campaña, que durará ata o 2 de xaneiro, pretende recoller un gran número de xoguetes para entregar entre a poboación máis necesitada do concello e sensibilizar a xente de que entregar un xoguete non consiste en dar caridade, baleirar armarios ou reciclar obxectos que nos molestan na casa, senón que hai que poñer un pouco de xustiza e ofrecer solidariedade e xenerosidade de balde.

Todas as persoas que queiran colaborar coa campaña deberán depositar os seus xoguetes entre o 28 de novembro de 2011 e o 2 de xaneiro de 2012, nas Casas da Cultura do Milladoiro e de Bertamiráns, de luns a venres, en horario de 10:00 h. a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 horas.

Cómpre salientar que só se recollerán xoguetes que cumpran tres requisitos. Primeiro, teñen que ser novos ou atoparse en bo estado. En segundo lugar, non poden ter carácter sexista, xa que é preciso deixar atrás o tópico de regalar xoguetes femininos ás nenas e masculinos aos nenos para fomentar así a igualdade entre xéneros. E por último, non poden ter carácter bélico, xa que, deste xeito, inténtase que os nenos/as aprendan a vivir en paz e non non fagan uso dos actos violentos na súa vida cotiá.

Finalizado o prazo de entrega, a Oficina Municipal de Voluntariado será a encargada de repartir os xoguetes recollidos nesta campaña entre as familias con menos recursos. Deste xeito, todos os rapaces e rapazas poderán gozar dun agasallo nun día tan especial e esperado para eles como é o día dos Reis, no que a ilusión e a diversión debe ser o que predomine en todos os nenos e nenas.

As persoas que desexen obter máis información deberán dirixirse á Oficina Municipal do Voluntariado (OVA) ao teléfono 981 883 703, ou ben ás Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Los amienses podrán donar juguetes en buen uso hasta el 2 de enero"