[01-02-2018] A Casa da Cultura do Milladoiro acolle desde o pasado martes, 30 de xaneiro, a campaña de información e sensibilización “O que se enchufa, recíclase”. Mañá, 2 de febreiro, o stand instalarase no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, volvendo ao Milladoiro o sábado. A semana que vén, de martes a venres, o posto informativo atoparase, novamente, no Pazo da Peregrina. O obxectivo desta campaña é concienciar e informar ás persoas consumidoras acerca da importancia de reciclar os residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE), así como dar a coñecer os lugares e novos establecementos que teñen ao seu dispor para facelo: Javier Villa González (rúa Curuxa, nº1, Milladoiro) e Dmella Electrodomésticos S.L. (Praza da Maía, 8, baixo, Bertamiráns).
A campaña “O que se enchufa, recíclase” permanecerá en Ames ata o vindeiro venres, 9 de febreiro, cun punto informativo atendido por dúas persoas asesoras, que serán as encargadas de atender e ofrecer información á veciñanza que se achegue ata alí. Ademais, as veciñas e veciños de Ames poderán participar in situ nun sinxelo xogo de ruleta co que poderán obter agasallos.
No Milladoiro, o stand foi instalado, o martes, na entrada da Casa da Cultura, onde permanecerá ata o vindeiro sábado. Mañá, 2 de febreiro, o punto informativo trasladarase ata o Pazo da Peregrina de Bertamiráns, por causa da celebración do “Innovames” no Milladoiro. Na próxima semana, de martes a venres, o stand estará situado novamente no Pazo da Peregrina. O obxectivo desta campaña é concienciar á cidadanía da importancia da reutilización e correcta reciclaxe dos RAEE.
Os RAEE son os residuos de aparellos eléctricos e electrónicos, é dicir, de todos aqueles obxectos que precisan dunha pila, unha batería ou un enchufe para funcionar. Estes aparellos son, polo xeral, produtos moi complexos con moitos materiais e tipos distintos de pezas, polo que é importante depositalos nos lugares adecuados.
En Ames, o Punto Limpo está situado na rúa das Hedras, no polígono Novo Milladoiro. Neste punto é onde as veciñas e veciños de Ames se poden desfacer dos seus RAAE, así como doutros obxectos e materias que non van nos colectores convencionais de materiais orgánicos, inorgánicos, vidro ou papel. Alén diso, a partir de agora, a veciñanza amesá tamén poderá entregar os seus RAEE nos establecementos Javier Villa González (rúa Curuxa, nº1, Milladoiro) e Dmella Electrodomésticos S.L. (Praza da Maía, 8, baixo, Bertamiráns).
A campaña “O que se enchufa, recíclase” está organizada pola Consellaría de Medio Ambiente en colaboración con Ofiraee, a plataforma informática de coordinación loxística para a xestión dos RAEE procedentes dos puntos limpos municipais. Ao longo de nove meses, a campaña recorrerá no total 138 concellos de máis de 4.000 habitantes.
Bótalle un cable ao Medio Ambiente
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, puxo en marcha, no 2015, unha campaña sobre a xestións dos RAEE baixo o lema “Bótalle un cable ao Medio Ambiente”. O obxectivo desta campaña foi tamén o de promover a correcta xestión dos aparellos eléctricos e electrónicos e a concienciación da cidadanía da importancia da reutalización e reciclaxe destes dispositivos.
Horarios e teléfono de contacto do Punto Limpo
O horario de apertura do Punto Limpo municipal é de 10:00h a 14:00 horas e de 16:00h a 18:00 horas, de luns a venres. Os sábados, o horario é de 09:00h a 14:00h e de 16:00h a 20:00 horas. Ademais, as persoas que teñan calquera dúbida en relación ao Punto Limpo poden chamar ao número de teléfono 981 536 688. Así mesmo, para solicitar a recollida de voluminosos e obxectos a domicilio, as veciñas e veciños de Ames poden chamar ao número de teléfono 981 191 240.
O parque de reciclaxe ou Punto Limpo é un centro de aporte voluntario, equipado de colectores específicos e capacitado para recibir os residuos das persoas censadas en Ames que deberán acudir ao centro co DNI ou volante de empadroamento. O servizo é de balde para a veciñanza do concello. O Punto Limpo ten como obxectivos favorecer a separación de residuos en orixe, contribuír á reciclaxe dos residuos recollendo os enseres domésticos, así como participar na loita contra os vertidos incontrolados.