[22-03-2016] A oficina de voluntariado de Ames informa á veciñanza que, dende esta semana, comezará a recollida de material que será empregado para cubrir as necesidades das persoas refuxiadas que se atopan en Turquía e Grecia tras fuxir da guerra. Esta campaña solidaria leva o nome "Ames ponse en marcha" e anima aos amesás e amesáns a aportar o que poidan para axudar ás miles de persoas, maiores e nenos e nenas pequenos, que tratan de cruzar cada día ás fronteiras europeas para deixar atrás a barbarie.
O material que se recolle é de primeira necesidade. A oficina de voluntariado sinala que algúns dos que se precisan con máis urxencia son: mantas, sabas, edredóns ou sacos de durmir, tendas de campaña, muletas e cadeiras de rodas, material de hixiene- champús, xabón, cueiros, compresas- e comida para bebés.
Os puntos de recollida de material situaranse nas Casa da Cultura de Bertamiráns e O Milladoiro. Pódese depositar a doazón- en caixas de cartón embaladas, etiquetadas co contido, o peso aproximado e a frase "Axuda para os refuxiados"- entre os días luns e venres en horario de 9:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 horas.
O Concello de Ames converterase, grazas á labor da Oficina de Voluntariado, nun punto de recollida de material que será enviado á Asociación Alhambra-Internacional, unha ONG cuxa sede se atopa en Barcelona e que será a encargada de facer chegar as partidas de axuda ás persoas refuxiadas. A empresa SEUR será a encargada da distribución das caixas, tras ofrecerse a cubrir ese servizo por coste cero. No enderezo https://alhambrasite.wordpress.com/ as persoas interesadas poden atopar máis información acerca das accións que leva a cabo esta organización.
Contido relacionado

La Voz de Galicia:"Ames y Brión recogen productos para los refugiados de Siria"




