[04-03-2016] O Concello de Ames prepárase para sumarse á conmemoración do Día Internacional da Muller Traballadora. Esta mañá a colocación dunha pancarta nun dos balcóns da Casa do Concello daba pé ao inicio dunha serie de actividades que comezan hoxe en torno á reivindicación, feita dun xeito especial en vistas ao día 8 de marzo, dunha maior igualdade na sociedade. "Ames pola igualdade" é o lema desta campaña que terá o seu acto central o martes, 8 de marzo, na Casa da Cultura do Milladoiro.
O Concello de Ames manifestou hoxe o seu apoio á manifestación convocada este domingo 6 de marzo en Santiago de Compostela pola Plataforma Feminista Galega. A concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade Luísa Feijóo invita á veciñanza "a participar e acudir á marcha que sairá da estación de tren compostelá, ás 12:00 horas, e que vai percorrer a cidade para desembocar na praza da Quintana".
Os actos programados para conmemorar o Día da Muller comezaron esta mañá. A concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, acompañada doutros membros do goberno municipal, reuníronse na Casa do Concello, en Bertamiráns, para colocar unha pancarta na fachada co lema "Contra as violencias machistas".
A próxima semana terá lugar, o luns 7 de marzo, a primeira reunión da Mesa Local de Coordinación Institucional contra a Violencia Machista. Trátase dun organismo, creado o pasado mes de xaneiro, que conta con representación de todos os ámbitos implicados directa ou indirectamente na loita contra a violencia de xénero no municipio de Ames. Os e as representantes reuniranse nas instalacións do Pazo da Peregrina de Bertamiráns.
O día 8 de marzo, data na que se celebra o Día Internacional da Muller Traballadora, terá lugar un acto na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 20:00 horas. Este acto servirá tamén para homenaxear á falecida Carmen Feteira, primeira concelleira da Muller de Ames. En 2003, por primeira vez en Ames, creouse a concellaría da Muller, cargo que ocupou naquel momento Carmen Feteira.
Foron invitadas á gala as mulleres que ocuparon o cargo da concellería relacionada cos servizos sociais e as políticas de igualdade previamente a Luísa Feijóo, que considera á súa experiencia fundamental para comprender o papel que o Concello pode xogar na loita contra a desigualdade e a violencia machista. As voces destas mulleres servirán ademais para ilustrar o papel da muller na política e como mudou co paso dos anos.
Ademais, neste acto daranse a coñecer os nomes dos gañadores/as do Concurso de Marcapáxinas "Día Internacional da Muller", no que participaron esta semana os nenos e nenas dos centros públicos amesáns. Baixo a temática da muller o alumnado tivo que decorar os marcapáxinas, entre os cales serán expostos nas Casas da Cultura amesás os escollidos polo xurado. Os nenos ou nenas cuxos traballos sexan seleccionados recibirán como premio material escolar e un diploma.
Ames Radio contará cunha programación especial
A emisora de radio municipal, Ames Radio, vólvese sumar á conmemoración dunha data sinalada preparando unha programación especialmente pensada para acompañar o festexo do Día Internacional da Muller Traballadora. As condutoras da programación entrevistáronse estas semanas con decenas de veciños e veciñas de Ames, nunha serie de reportaxes e entrevistas que se retransmitirán ao longo da vindeira semana. Cincuenta mulleres e homes de todas as idades prestaron as súas voces para gravar os indicativos que se poderán escoitar en Ames Radio, nos que recitan textos de distintas pensadoras e activistas a prol da igualdade de dereitos.
Unha das entrevistas tráelles aos ouvintes a voz de Ana Viqueira, xornalista de investigación na páxina de Feminicidio.net e veciña deste municipio. O colectivo de traballadoras e traballadores do Centro de Información da Muller (CIM) de Ames tamén falará na radio municipal. A reportaxe explicará o día a día desta institución e dos obradoiros, charlas e actividades que organiza ou apoia para conseguir un impacto positivo na sociedade amesá apoiando a igualdade de xénero.
As actividades organizadas polo profesorado dos centros escolares amesáns tamén terán o seu espazo radiofónico. Os espazos consolidados da grella de Ames Radio, "Memoria de Ames" e "Palabreando", adicaralle o seu tempo a falar do papel da muller e da súa evolución. Esta evolución será analizada tamén polos amesáns e amesás en entrevistas a pé de rúa, nas que a veciñanza reflexionará "os pasos dados para conseguir a igualdade de xénero e os pasos que quedan por dar". No eido concreto da política local "os pasos dados" serán avaliados polas invitadas á gala do Día da Muller este 8 de marzo, mulleres que ocuparon os cargos de concelleiras de Servizos Sociais e que en Ames Radio falarán das súas experiencias vitais.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Teatro, exposiciones, concursos y talleres para avanzar en igualdad"
El Correo Gallego: "El lema <Ames pola igualdade> presidirá el Día da muller traballadora"