Pestanas principais

Bugallido celebra as festas na honra de san Isidro

Venres, 11 de maio de 2012

[11-05-2012] A parroquia amiense de Bugallido celebra este domingo, 13 de maio, as festas na honra de san Isidro. Moito divertimento e música para unha festividade onde os veciños/as poderán gozar deste evento con espectáculo deportivo e baile. Entre outras actividades destacan os campionatos de chave e de fútbol, o certame de baile rexional e a actuación do Dúo musical Rosan, co que rematará a festa.

O domingo 13 de maio celebrarase a festa na honra de san Isidro. Os actos con motivo desta celebración comezarán entre as 10:30 h e as 11:00 horas no campo da festa de Bugallido. En primeiro lugar, desenvolveranse o campionato feminino e masculino de chave.

Dende a Comisión de festas de San Pedro de Bugallido preténdese estimular con este tipo de torneos a práctica deste deporte tradicional que se atopa nunha situación de esquecemento debido a falta de coñecemento por parte da mocidade. Ao mesmo tempo que se realiza o campionato de chave desenvolverase outro campionato, pero neste caso de fútbol dirixido aos nenos e nenas. Este torneo desenvolverase na pista polideportiva que se atopa ao carón da festa de Bugallido.

Os actos relixiosos comezarán ás 12:30 horas cunha misa cantada na que actuará a Coral Polifónica de Bugallido. Trala misa cantada realizarase a correspondente procesión na que actuarán os membros da Asociación Cultural Os Castros. A partir das 14:00 horas haberá unha degustación de empanada, callos e polbo. A comisión de Festas de San Pedro de Bugallido repartirá entre os veciños e veciñas racións de empanada e callos por un módico prezo. A bebida será de balde. Ademais, instalarase un polbaría para todos aqueles que opten por degustar este saboroso manxar galego.

A comida estará amenizada pola Asociación Cultural Follas Novas. Trala comida e para queimar calorías, a partir das 17:00 horas, disputárase a final do campionato de fútbol de nenos/as. Un hora despois, ás 18:00 horas, haberá un Certame de Baile rexional no que participarán todos os grupos da Asociación Cultural Os Castros e as pandereteiras da Sociedade Recreativa de Calo. Para rematar a festa, a partir das 20:00 horas, actuará o Dúo musical Rosan.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Bugallido celebra as festas na honra de san Isidro"