[27-08-2018] A través do programa Apego, Cé Orquestra Pantasma chega a Ames coas xornadas “Brincadeiras Miudiñas”, nas que un inquedo xogueteiro irá guiando aos nenos e nenas no mundo dos xogos e os xoguetes miudiños a través de rimas, música, baile e manualidades. Así, o xogueteiro estará este mércores, 29 de agosto, no parque da Travesía do Porto do Milladoiro e o xoves, 30 de agosto, no xardín do Pazo da Peregrina en horario de 18.00 a 20.00 horas. Asemade, tamén se realizarán outras dúas xornadas o 5 de setembro no Milladoiro e o 6 en Bertamiráns.
Tratase de catro sesións distintas e independentes dirixidas a un público infantil a partir de 2 anos, nas que se recuperará a rúa e a natureza como espazo para o xogo, o lecer e a felicidade dos máis cativos e cativas, ao tempo que nos axudará a descubrir outras formas de brincar sen necesidade de mercar sofisticados aparellos. Xirarán en torno á música, aos xogos tradicionais e a obradoiros de creación libre de xoguetes con materiais naturais.
Outro xeito de xogar, cantar, bailar e soñar
Desta volta, o Cé Orquestra Pantasma dará un paso máis aló na súa personaxe para meterse na pel dun feirante xogueteiro que entre rimas, música e baile, iranos engaiolando cara un mundo marabilloso: o mundo dos xogos e xoguetes miudiños. No Xogueteiro combínase un primeiro momento de música e baile seguido dun espazo de xogo con brinquedos tradicionais. Pequenos e maiores compartirán momentos máxicos, bailando e xogando con brinquedos clásicos como zancos, aros, a ferradura, tiracoios ou construcións.
Tamén haberá un espazo para brincar con material natural non estruturado e descubrir as múltiples posibilidades que nos ofrece a natureza (pólas, liscos de madeira, pedras, cana…) e todo o beneficio que o seu emprego supón para os cativos e cativas. Asemade, nos obradoiros de creación libre de brinquedos, os e as participantes poderán realizar bonecos, vehículos… a partir de diferentes elementos naturais, como poliñas, bugallos, follas, noces, abelás, miga de pan, vimbios, carozos, cunchas, cana do país, follaco de espiga, teas, cortiza, cartón, fíos de lá, piñas, pataquiñas, castañas, casqueiro de piñeiro ou sobreira.
As xornadas pretenden fomentar a creatividade nos nenos e nenas apostando por unha crianza respectuosa e sostible e promovendo a socialización en lingua galega e o achegamento á natureza e ao xogo libre. Para iso a recuperarase a rúa e a natureza como espazos para xogar, coñeceremos novas formas de xogo e xoguetes tradicionais e mesmo haberá pequenos obradoiros para construír brinquedos con materiais que podemos atopar na natureza (paos, pedras, follas…) ou que temos nas nosas casas. Todo isto mesturado coa música e cos contos do Cé Orquestra Pantasma.
Contido relacionado

Compostela 24 horas: "Brincadeiras Miudiñas chega a Ames este mércores"




