Pestanas principais

A brigada municipal de obras trasládase a unha nova nave con máis espazo e mellor situada

Sábado, 24 de abril de 2021

Dende a Concellaría de Obras e Servizos Básicos levan meses traballando para contar cunha nova nave para a brigada municipal de obras. A nova nave está situada na estrada de Lapido. Está previsto que o persoal da brigada se traslade durante a vindeira semana para a nova nave de obras. As novas instalacións son máis amplas e contan con 890 metros cadrados construídos e un mellor acceso ao estar nunha vía con menor tráfico que a avenida da Maía (AC-543), lugar onde está situada a actual nave de obras. A parcela onde se sitúa a nave dispón de 1.858 metros cadrados. Para dispor destas instalacións o Concello de Ames ten asinado un contrato de alugueiro de catro anos. O importe do alugueiro ascende a 1.914 euros ao mes (IVE incluído).

Unha vez rematados os traballos de acondicionamento da nova nave da brigada municipal de obras e servizos básicos, esta semana o alcalde e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, xunto cas/os voceiras/os dos grupos municipais que forman parte do Goberno municipal; Luísa Feijóo, de PSdeG-PSOE, David Santomil, do BNG, e Genma Otero, de Contigo Podemos, visitaron ditas instalacións. Tamén participou en dita visita o responsable da brigada municipal de obras, Juan Calvo.

A nova nave conta cunhas dimensións máis amplas (890 metros cadrados construídos) e un mellor acceso ao estar na estrada de Lapido, unha vía que conta con menos tráfico que a AC-543, onde se atopa a actual nave de obras. A parcela onde se sitúa a nave dispón de 1.858 metros cadrados. Esta nova nave conta con vestiarios masculinos e femininos, e un aseo adaptado para persoas con diversidade funcional, que ocupan unha superficie de 70 metros cadrados. Ademais, hai unha zona de almacén e unha zona de oficinas, onde de habilitou unha sala para xuntanzas, un despacho para o responsable da brigada e un posto para o persoal de dita brigada.

Tamén se vai habilitar un posto específico para os albaneis, onde poidan realizar pequenas reparacións, e un local para os electricistas, tamén para facer reparacións e gardar o stock de material. A nova nave dispón de tres zonas específicas de garaxe: un para os vehículos e material de xardinería, outro para Protección Civil; e un terceiro para a brigada municipal de medio ambiente.

Acondicionamento da nave
Durante os últimos meses estívose traballando no acondicionamento de dita nave, para o que se investiron arredor de 63.000 euros. Habilitáronse vestiarios masculinos, femininos e un aseo adaptado por un importe de 47.190 euros. Tamén houbo que adaptar o local/garaxe de Protección Civil, que tivo un custo de 8.140 euros; instalar un sistema de seguridade (colocación de cámaras de vídeo vixilancia); e facer a instalación do cableado de rede de datos paras as oficinas. Estes traballos tiveron un custo de arredor de 2.500 euros. Para a compra de mobiliario investíronse outros 3.000 euros e na limpeza das instalación, unha vez rematados os traballos de acondicionamento, gastáronse arredor de 2.000 euros.

Para dispor destas instalacións o Concello de Ames ten asinado un contrato de alugueiro de catro anos. O importe do alugueiro ascende a 1.914 euros ao mes (IVE incluído).

O alcalde e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, destaca “a importante mellora que vai supor para o persoal da brigada municipal de obras contar con novas instalacións. Este cambio supón un avance para a organización dos traballos e mellora das condicións para o persoal da brigada. Ademais que se optimizan os espazos aproveitando a antiga nave de obras para a creación da cociña central, e mellorar as instalacións de informática”.

Cociña central da Rede municipal de comedores escolares
Por outra banda, o plan do Goberno municipal é destinar as antigas instalacións da nave da brigada municipal de obras da avenida da Maía, en Bertamiráns, para habilitar unha central de lavado de menaxe e cociña para a Rede municipal de comedores escolares, dependente da Concellaría de Educación.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Máis espazo e servizos coa nova nave de obras"

El Correo Gallego: "Cocina central con lavadero para alimentar a 1.400 escolares al día"

Compostela 24 horas: "A brigada municipal de obras trasládase a unha nova nave con máis espazo e mellor situada"

Imaxe da nova nave da brigada municipal de obras

Multimedia

  • Imaxe da visita á nova nave da brigada municipal de obras
  • Imaxe da visita á nova nave da brigada municipal de obras
  • Vestiarios da nova nave da brigada municipal de obras
  • Despacho da nova nave da brigada municipal de obras
  • Sala de xuntanzas da nova nave da brigada municipal de obras
  • Aseo adaptado da nova nave da brigada municipal de obras
  • Garaxe de Protección Civil
  • Garaxe baleiro da nova nave da brigada municipal de obras