[31-05-2012] O Concello de Ames, a través da concellaría de Obras, está acondicionando as instalacións municipais que teñen un maior uso nos meses de verán. A semana pasado comezou o acondicionamento das piscinas municipais descubertas. Unha vez finalizados estes traballos, os operarios da brigada municipal de obras comezaron o acondicionamento da área recreativa de Tapia. Estes traballos realízanse anualmente para que a mediados de xuño este a todo en perfecto estado para que os veciños e veciñas de Ames poidan empregar estas instalacións durante os meses estivais. Dende o pasado 14 de maio pódense renovar os carnés das piscinas descubertas municipais.

Coa chegada do verán a área recreativa de Tapia convértese nun punto de referencia non só para a cidadanía de Ames se non que tamén para todos os veciños e veciñas da comarca de Santiago de Compostela, que buscan un lugar onde poder refrescarse e relaxarse durante os seus momentos de lecer. Deste xeito a praia fluvial de Tapia preséntase como unha alternativa ao mar e aos grandes areais da costa galega onde todos os bañistas poden tomar un baño e deitarse ao sol. Ademais, esta área acolle numerosas actividades deportivas e culturais durante os meses estivais.
Todos os anos os operarios da brigada municipal de obras son os encargados de acondicionar a área recreativa de Tapia. A área recreativa de Tapia abarca unha extensión total de 15.000 metros cadrados. Esta enorme área engloba un gran número de instalacións como son a praia fluvial, con dúas zonas de baño no propio río, unha piscina para nenos, as instalacións do club de piragüismo "Ribeiras do Tambre", un muíño rehabilitado, vestiarios, grellas, e un pequeno bar, todo isto rodeado por amplas zonas verdes, onde poder tomar o sol, e zonas de aparcadoiro.
Os traballos de mantemento que están levando a cabo nesta área abranguen unha exhaustiva limpeza de toda a contorna. Así, vanse acondicionar os xardíns, cortar a vexetación que medrou durante os meses de inverno, achanzar a terra da zona de aparcadoiro, tapar as fochancas que se produciron debido á choiva, limpar a zona do muíño e dos vestiarios que quedaron asolagados coas crecidas do río que se produciron nos últimos meses, limpar os lugares onde están situadas as grellas e baleirar as papeleiras. Ademais, os membros da brigada terán que limpar a piscina infantil e os arredores desta instalación.
A brigada de obras e a encargada de executar estes traballos. Durante estes días e a próxima semana estase realizando o acondicionamento da área recreativa de Tapia. Anteriormente realizaron o acondicionamento das piscinas descubertas de Bertamiráns e do Milladoiro. As piscinas municipais descubertas e a area recreativa de Tapia abrirán entre o 16 de xuño e o 16 de setembro.
Solicitude dos carnés das piscinas
Desde o 14 de maio xa se poden presentar as solicitudes de carnés para as piscinas descubertas municipais de Bertamiráns e do Milladoiro. O prezo dos carnés oscila entre os 5 e os 20 euros dependendo das circunstancias de cada usuario/a. A Concellería de Deportes informa de que para solicitar a tarxeta de usuario é preciso presentar o impreso de solicitude cuberto, unha foto de carné e o resgardo de pagamento das taxas. O único requisito imprescindible para conseguir este abono é estar empadroado no Concello de Ames.
Os interesados en facerse co carné das piscinas descubertas municipais poden solicitar información e os impresos na Casa da Cultura do Milladoiro, no teléfono 981 535 940, ou na Oficina de Cultura e Deportes de Bertamiráns (Pazo da Peregrina), en horario de luns a venres entre as 9:00 e as 14:00 horas.





