Pestanas principais

A brigada medio ambiental de Ames recolle un vertedoiro incontrolado no cruce do Freixeiro

Xoves, 24 de xaneiro de 2013

[24-01-2013] Esta mañá a concelleira de Medio Ambiente, María Eugenia Martín, achegouse ata o cruce do Freixeiro, situado preto do lugar de Buceleiras, para ver de primeira man como ían os traballos de recollida do vertedoiro incontrolado que se atopaba neste lugar. A brigada medio ambiental ocupouse hoxe de recoller o plástico, cartón, entullos de obras e restos de madeira que se atopaban depositados neste vertedoiro. Dende o Concello de Ames apelan a conciencia veciñal para que non se tire lixo nas pistas forestais e se deposite nos correspondentes colectores ou se leve ao Punto limpo, que está situado na rúa das Hedras, no polígono Novo Milladoiro. Ademais, existe un servizo de recollida gratuíta de mobles e trastes. Para iso, só é preciso chamar ao número de teléfono 981 191 240.

Restos de madeira, plástico, cartón e entullos dalgún obra foi o lixo co que se atopou a brigada de garda medio ambiental no cruce do Freixeiro, preto do lugar de Buceleiras. Unha vez localizado o vertedoiro, a brigada encargouse de eliminar os restos e trasladalos ao Punto Limpo do Milladoiro, onde se fixo a separación pertinente dos obxectos para o seu depósito. Os operarios desta brigada realizan saídas a acotío vixiando que ningún lugar do concello se converta nun vertedoiro incontrolado.

Este é un lugar especialmente vixiado porque queda afastado das casas de Buceleiras e a miúdo aparece lixo tirado provocando que se formen vertedoiros incontrolados. Neste lugar hai colocados catro colectores (2 de materia orgánica e outros 2 de materia inorgánica). Por iso, non existe ningún motivo para depositar o lixo fóra dos colectores. A concelleira de Medio Ambiente apela “á conciencia cidadá para protexer o medio ambiente e evitar que se tire lixo polas pistas municipais e lugares de monte afastados das casas. O Concello de Ames dispón dun Punto limpo que serve para desfacerse dos obxectos e materiais que non van aos colectores habituais de materiais orgánicos, inorgánicos, vidro ou papel”.

Horario do Punto limpo
O Punto limpo está situado na rúa das Hedras, no polígono Novo Milladoiro. Ata alí poden achegarse todos os veciños e veciñas de Ames para desfacerse daqueles obxectos e materiais que non van aos colectores convencionais de materiais orgánicos, inorgánicos, vidro ou papel. O centro está aberto preto de 40 horas semanais en xornada de mañá e tarde entre luns e o sábado. Así, o Punto Limpo abre de luns a venres das 10:00 h. ás 14:00 h. e das 16:00 h. ás 18:00 horas. Os sábados o horario é das 9:00 h. ás 14:00 h. e das 16:00 h. ás 20:00 horas.

Ao mesmo tempo, o Concello de Ames mantén un servizo de recollida gratuíta de mobles e trastes que se fai todos os venres. So é preciso chamar ao 981 191 240 indicando o tipo de residuo que quere tirar e deixalo xunto ao colector de lixo máis próximo á súa vivenda.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "A brigada medio ambiental de Ames recolle un vertedoiro incontrolado no cruce do Freixeiro"