Pestanas principais

A Brigada Medio Ambiental de Ames eliminou no que vai de ano 186 puntos de vertedoiros incontrolados no municipio

Martes, 30 de abril de 2013

[30-04-2013] O Concello de Ames está levando a cabo un plan de inspección de puntos de vertedoiro incontrolados, recollendo nos catro primeiros meses do ano un total de 186 puntos ao longo do municipio. A Brigada Medio Ambiental do Concello levou a cabo esta recollida dos puntos de vertedoiro, que se atopaban principalmente en zonas rurais do concello. O obxectivo é erradicalos para preservar a limpeza do espazo medioambiental.

O Concello tamén traballa na limpeza da parcela próxima ao Centro de Saúde de Bertamiráns, uns traballos que se realizarán ao longo da xornada de hoxe. Nesta zona, o Executivo municipal prevé realizar unha actuación para evitar que se rexistren novos depósitos de residuos.

Para a localización destes puntos de vertedoiros incontrolados, a Brigada Medio Ambiental de Ames realiza unha inspección e control periódico e conta, ademais, coa colaboración cidadá, que alerta da aparición de novos verquidos. O contacto coa brigada pode facerse a través do teléfono 662 377 544. O Concello de Ames fai fincapé na importancia que ten a colaboración cidadá para a localización destes puntos nos que se acumulan residuos.

Ademais, na sesión plenaria do mes de abril, o alcalde de Ames, Santiago Amor, xa lle trasladara aos concelleiros/as da Corporación municipal a necesidade de colaborar entre todos para alertar da presenza destes puntos de vertido co obxectivo de poder atallalos.

A brigada, dependente da Concellería de Medio Ambiente, leva a cabo a recollida dos puntos de verquido de xeito manual, realizando despois a separación dos residuos para poder levalos ao Punto Limpo para a súa posterior valorización e tratamento específico. Os traballos realízanse sempre en zonas de dominio público, xa que nas privadas son os propietarios os encargados de mantelas en condicións de seguridade, salubridade e ornato público. Segundo os informes elaborados por este departamento municipal, a natureza dos residuos recollidos é moi variada, sen embargo abundan maioritariamente os entullos de obras e a ferralla, que soen aparecer en lugares afastados como as pistas forestais.

A través da brigada, o Concello de Ames traballa no mantemento e na mellora das condicións ambientais do contorno amiense. Este equipo de traballo ten como obxectivo principal traballar en prol do contorno natural facendo cumprir a normativa vixente. Entre as súas funcións destaca a erradicación de vertedoiros incontrolados, o mantemento e xestión das rutas naturais do Concello, a colaboración nas actividades necesarias para a prevención, detección e extinción de incendios, así como actuacións puntuais e urxentes no medio.

Punto Limpo e recollida de voluminosos

O Concello de Ames lembra que hai a disposición dos cidadáns amienses un número de teléfono, o 981 191240, para a recollida de residuos voluminosos (como mobles, electrodomésticos ou colchóns). Neste número débese indicar o tipo de residuo que se quere tirar e establécese o punto onde se debe deixar (na maioría dos casos xunto ao colector de lixo máis próximo á vivenda) e o día no que se fará a recollida.

Ademais, Ames conta cun Punto Limpo, situado na rúa das Hedras do Polígono do Milladoiro, ata o que poden achegarse todos os cidadáns que queiran desfacerse daqueles obxectos e materiais que non van aos colectores convencionais de materiais orgánicos, inorgánicos, vidro ou papel. O centro abre de luns a venres de 10:00 h. a 14:00 h. e de 16:00 h. a 18:00 horas. Os sábados, o horario é de 9:00 h. a 14:00 h. e de 16:00 h. a 20:00 horas. O teléfono de contacto é o 981 536688.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames ha eliminado este año 186 vertederos ilegales"
El Correo Gallego: "A Brigada Medio Ambiental de Ames eliminou no que vai de ano 186 puntos de vertedoiros incontrolados"