Pestanas principais

A Brigada Medio Ambiental de Ames eliminou no primeiro trimestre deste ano 386 puntos de vertedoiros incontrolados no municipio

Mércores, 02 de abril de 2014

[02-04-2014] O Concello de Ames está levando a cabo un plan de inspección de puntos de vertedoiro incontrolados, recollendo no que vai de ano preto de 400 vertedoiros e voluminosos que se atopaban ao longo do municipio. Deste traballo encárgase a Brigada Medio Ambiental, que durante o primeiro trimestre de 2014 recolleu tanto vertedoiros de grandes e medianas dimensións coma residuos puntuais (lavadoras, sofás, restos de madeira, mobles, neveiras, colchóns, etc.) situados principalmente no entorno dos colectores. Estes vertedoiros e voluminosos atópanse nalgunhas zonas urbanas e nas pistas forestais de todas as parroquias amienses. O obxectivo deste plan de traballo é erradicar estes puntos de lixo para preservar a limpeza do espazo medio ambiental.

Para a localización destes puntos de vertedoiros incontrolados, a brigada realiza unha inspección e control periódico e conta, ademais, coa colaboración cidadá, que alerta da aparición de novos verquidos. O contacto coa brigada pode facerse a través do teléfono 662 377 544. O Concello de Ames fai fincapé na importancia que ten a colaboración cidadá para a localización destes puntos nos que se acumulan residuos.

A concelleira de Medio Ambiente, María Eugenia Martín, explica que “o persoal da brigada leva a cabo a recollida dos puntos de verquido de xeito manual, realizando despois a separación dos residuos para poder levalos ao Punto Limpo para a súa posterior valorización e tratamento específico. Os traballos realízanse sempre en zonas de dominio público, xa que nas privadas son os propietarios os encargados de mantelas en condicións de seguridade, salubridade e ornato público”.

Recollida de vertedoiros e voluminosos
Durante o primeiro trimestre deste ano a Brigada Municipal de Medio Ambiente recolleu un total de 386 puntos de vertedoiros incontrolados. Nesta cifra inclúense tanto os vertedoiro coma os voluminosos que soen estar en zonas próximas aos colectores. Detallado por meses: en xaneiro recolléronse 137; en febreiro 126; e en marzo 123 puntos de lixo. Estes vertedoiros incontrolados atopábanse en zonas urbanas de Bertamiráns e do Milladoiro, así como en diferentes pistas forestais das parroquias amienses.

Segundo os informes elaborados por este departamento municipal, a natureza dos residuos recollidos é moi variada, sen embargo abundan maioritariamente os entullos de obras e a ferralla, que soen aparecer en lugares afastados como as pistas forestais. Tamén abundan os voluminosos como lavadoras, sofás, restos de madeira, mobles, neveiras e colchóns, que soen estar en lugares próximos aos colectores de lixo.

A través da brigada, o Concello de Ames traballa no mantemento e na mellora das condicións ambientais do contorno amiense. Este equipo de traballo ten como obxectivo principal traballar en prol do contorno natural facendo cumprir a normativa vixente. Entre as súas funcións destaca a erradicación de vertedoiros incontrolados; o mantemento e xestión das rutas naturais do Concello; o desbroce de vexetación nos espazos naturais; a colaboración nas actividades necesarias para a prevención e detección de incendios; así como actuacións puntuais e urxentes no medio.

Punto Limpo e recollida de voluminosos
O Concello de Ames lembra que hai a disposición dos cidadáns amienses un número de teléfono, o 981 191 240, para a recollida de residuos voluminosos (como mobles, electrodomésticos ou colchóns). Neste número débese indicar o tipo de residuo que se quere tirar e establécese o punto onde se debe deixar (na maioría dos casos xunto ao colector de lixo máis próximo á vivenda) e o día no que se fará a recollida.

Ademais, Ames conta cun Punto Limpo, situado na rúa das Hedras do Polígono do Milladoiro, ata o que poden achegarse todos os cidadáns que queiran desfacerse daqueles obxectos e materiais que non van aos colectores convencionais de materiais orgánicos, inorgánicos, vidro ou papel. O centro abre de luns a venres de 10:00 h a 14:00 horas e de 16:00 h a 18:00 horas. Os sábados, o horario é de 9:00 h a 14:00 horas e de 16:00 h a 20:00 horas. O teléfono de contacto é o 981 536 688.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "La brigada ambiental de Ames ya eliminó este año 386 vertederos ilegales"
El Correo Gallego: "A Brigada Medio Ambiental de Ames eliminou no primeiro trimestre deste ano 386 puntos de vertedoiros incontrolados no municipio"