[10-12-2012] O Concello de Ames contou durante os últimos catro meses cunha brigada que se encargou de acondicionar e protexer o patrimonio ambiental do territorio municipal amiense. A brigada, que comezou a traballar no mes de agosto, rematará o seu cometido esta semana tras limpar un total de 80.324 metros cadrados. As actuacións incluíron desbroces, limpeza e acondicionamento de pistas forestais e áreas de recreo, así como parcelas e instalacións titularidade do Concello.
Ponte Maceira e paseo fluvial de Bertamiráns
No mes de outubro, a brigada desprazouse ata Ponte Maceira, onde se procedeu a limpar e retirar a maleza no contorno da ponte. Nesta zona, na que se actuou sobre unha superficie de 5.490 metros cadrados, elimináronse especies consideradas invasoras e retiráronse troncos e árbores que se encontraban caídas no río. Ademais disto, limpouse de vexetación o lavadoiro. Os traballos realizáronse incidindo na conservación do valor ecolóxico e patrimonial da zona, e tentando non prexudicar o paso dos camiñantes que realizan a ruta a Fisterra.
Posteriormente, a brigada encargouse do mantemento das marxes do río Sar no paseo fluvial de Bertamiráns, actuando nunha superficie total de 13.015 metros cadrados na zona comprendida entre a ponte da Condomiña e a zona do lavadoiro, pasada a AC- 543. Os traballos consistiron na roza e limpeza das beiras e os noiros das marxes do Rego dos Pasos. Tívose especial coidado en eliminar especies consideradas coma invasoras, favorecendo ó mesmo tempo, o normal desenvolvemento da vexetación propia de ribeira.
Xa en novembro, a brigada levou a cabo o acondicionamento do contorno do muíño de Lamas, desbrozando unha superficie total de 974 metros cadrados, e o desbroce e limpeza da canle de Agro do Muíño, onde se actuou sobre 2.243 metros cadrados. Ademais, limpouse unha parcela anexa a depuradora de Sisalde, cunha superficie de 2.243 metros cadrados, e no monte escolar de Ames, no que o Concello organiza actividades educativas e de concienciación co medio ambiente e rural.
Este grupo de traballo estivo formado por cinco peóns, un capataz e un enxeñeiro forestal. O servizo desta brigada está subvencionado pola Consellería de Traballo dentro da concesión de axudas correspondente ao Programa de cooperación das entidades locais para a contratación de persoas desempregadas posto en marcha pola Xunta de Galicia. O seu labor principal foi realizar tarefas de acondicionamento do espazo forestal e fluvial. Algúns dos principais traballos executados estiveron dirixidos a realizar tarefas para previr incendios forestais. Nestes catro meses de traballo limpáronse máis de 80.300 metros cadrados de vías municipais.
Durante as primeiras semanas, o traballo deste grupo centrouse na realización de tarefas de desbroce e limpeza de pistas forestais próximas a determinados núcleos de poboación do concello, seleccionados en base á súa potencial exposición ó risco de incendios. Posteriormente, a brigada encargouse da limpeza e acondicionamento de marxes de ríos e zonas de interese ecolóxico, turístico ou patrimonial, como Ponte Maceira, a ruta dos muíños de Riamontes, o muíño de Lamas ou o paseo fluvial de Bertamiráns, así como de acondicionar o entorno da Aula da Natureza de Ameixenda.
A concelleira de Medio Ambiente, María Eugenia Martín, fixo un balance positivo das actuacións levadas a cabo nestes meses pola brigada, “que permitiron acondicionar e protexer o patrimonio ambiental amiense, actuando sobre marxes e franxas de protección”. A concelleira subliñou que “o Concello de Ames fai unha aposta decidida por coidar o medio ambiente e pola súa conservación sempre dentro das posibilidades e dos medios a disposición do Concello”.
Pistas e áreas recreativas
Os traballos da brigada comezaron no mes de agosto co desbroce de pistas forestais en Lapido, onde se actuou sobre unha superficie de 5.980 metros cadrados, e en Barouta e Cruxeiras, onde se limpou unha superficie de 10.640 metros cadrados. Posteriormente, a brigada desprazouse ata a praia fluvial de Tapia para o desbroce e a limpeza do sendeiro que discorre polas beiras do rio Tambre, que conta cunha superficie total de 1.287 metros cadrados.
En setembro, levouse a cabo o desbroce de pistas forestais na Tarroeira, onde se actuou sobre unha superficie de 10.072 metros cadrados, e na área recreativa de Lapido, con 9.067 metros cadrados limpos. Co fin de reducir o risco de incendios, nese mes a brigada tamén se encargou de acometer o mantemento do cortalumes situado en O Instrumento, no que se actuou sobre un total de 4.190 metros.
Tras finalizar o traballo en Lapido, a brigada trasladouse a Ameixenda, co fin de desbrozar e limpar o contorno da Aula da Natureza, na que o Concello realiza múltiples actividades ó longo do ano, destacando aquelas que axudan a educar e concienciar medioambientalmente ao nenos e nenas. Nesta zona, traballouse nunha área de 8.400 metros cadrados.
Posteriormente, a brigada adicou unhas xornadas a adecentar o sendeiro que dá acceso ós muíños de Riamontes dende o núcleo de Pedrouzos, así coma a parte da ruta onde se concentran os muíños. O traballo, sobre unha superficie de 2.151 metros cadrados, consistiu na eliminación de herbáceas, poda e retirada dalgunhas ramas que caían sobre o camiño que sobe cara os muíños no inicio da ruta de Riamontes, que aporta valor turístico, patrimonial e medioambiental ao concello. Tamén se retirou maleza do contorno dos muíños e se limparon os mesmos, así como as canles que conducen a auga.




