[18-09-2012] O Concello de Ames conta cunha brigada que se encarga de acondicionar e protexer o patrimonio ambiental do territorio municipal amiense. Este grupo de traballo está formado por cinco peóns, un capataz e un enxeñeiro forestal, que forman a brigada de xestión dos espazos naturais. O servizo desta brigada está subvencionado pola Consellería de Traballo dentro da concesión de axudas correspondente ao Programa de cooperación das entidades locais para a contratación de persoas desempregadas posto en marcha pola Xunta de Galicia. O seu labor principal é realizar tarefas de acondicionamento do espazo forestal e fluvial. Algúns dos principais traballos executados estiveron dirixidos a realizar tarefas para previr incendios forestais. Para iso acondicionáronse varias pistas e camiños nos lugares de Barouta, Lapido, Tapia ou A Tarroeira. Neste primeiro mes de traballo limparon máis de 50.000 metros cadrados de vías municipais.
O Concello de Ames, comprometido coa recuperación e mantemento do seu patrimonio ambiental, impulsou a contratación de traballadores desempregados ao abeiro do Programa de Cooperación das Entidades Locais co fin de prestarlle unha especial atención ao mantemento do espazo forestal e ao acondicionamento dos ríos e regatos que discorren por territorio amiense. Para executar estes traballos a Administración local conta, dende o pasado 13 de agosto, cunha brigada que se está encargando de limpar e acondicionar o espazo forestal e as marxes fluviais. Trátase da brigada de xestión dos espazos naturais do Concello de Ames.
Traballos de prevención contra o lume
Os traballos comezaron en agosto, etapa de máximo risco de incendios, forestais, polo que as primeiras labores desta brigada consistiron en realizar tarefas preventivas como a xestión da biomasa forestal nas vías e camiños de titularidade municipal realizándose ditos traballos no estrato arbóreo, arbustivo e subarbustivo.
Así, nas primeiras cinco semanas de traballo limpáronse uns 52.020 metros cadrados de pistas forestais. Os traballos consistiron fundamentalmente na limpeza e triturado da vexetación, triturado que se realiza na medida do posible para que non haxa que retirala, o que supón aumentar o tempo invertido nestas labores. Ademais, isto supón un gran beneficio para o solo xa que as propiedades da vexetación quedan no propio lugar onde foi cortada.
Os traballos comezaron polo lugar de Lapido, pertencente á parroquia de Ortoño, onde se desbrozaron un total de 9.723 metros cadrados. Continuaron no lugar de Barouta, na parroquia de Ames, onde se limparon 15.932 metros cadrados de pistas forestais, e no lugar da Tarroeira, pertencente á parroquia de Ortoño. Neste lugar acondicionáronse un total de 16.490 metros cadrados de camiños municipais. Nestes lugares realizáronse traballos de desbroce e roza de vexetación, apertura de camiños e tala de árbores que dificultaban o paso nas pistas forestais.
O obxectivo destes traballos foi intensificar a prevención de incendios, manter as vías e camiños e outras superficies de titularidade municipal en boas condicións e reforzar a limpeza levada a cabo pola maquinaria municipal durante todo o ano. Esta brigada levou a cabo traballos de prevención contra os incendios forestais, actuando especialmente en todas aquelas pistas e camiños de titularidade municipal que están preto dalgunha vivenda.
Ademais, acondicionouse e limpáronse as beiras do río Tambre ao seu paso pola área recreativa de Tapia, para que estivese en perfectas condicións para a celebración da XXVII edición do descenso do Tambre. Estes traballos realizáronse nunha extensión total de 2.025 metros cadrados. Durante esta semana os operarios desta brigada están limpando e acondicionando a área recreativa de Lapido, para que estea en perfectas condicións de cara as festas das Mercedes, que se celebran este sábado 22 de setembro, neste lugar da parroquia de Ortoño. Nesta área recreativa estase limpando un contorno de 7.850 metros cadrados.
Acondicionamento das marxes fluviais
Unha vez rematados os traballos na área recreativa de Lapido, que se están executando actualmente, a brigada realizará varios traballos nas marxes fluviais dos ríos e regatos que discorren por territorio amiense. Deste xeito, acondicionarase a ruta de Riamontes. Tamén se encargarán de acondicionar a área fluvial de Pontemaceira e de limpar o contorno da Aula da Natureza.
Para poder sufragar o custo do persoal que integra esta brigada o Concello de Ames conta cunha subvención de 31.533,84 euros da Consellería de Traballo dentro das axudas para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación coas entidades locais. Os traballadores teñen un contrato de catro meses. A través deste programa preténdese valorizar os recursos ambientais do espazo forestal do concello de Ames e da contorna nas marxes fluviais.

Contido relacionado

La Voz de Galicia: "La Brigada de Espazos Naturais de Ames pone a punto pistas y caminos"
El Correo Gallego: "Las brigadas amienses de gestión de espacios naturales limpiaron el equivalente a siete campos de fútbol"




