[30-10-2012] A brigada das marxes fluviais e do espazo forestal do Concello de Ames comezou hoxe os traballos de acondicionamento e limpeza no entorno do paseo fluvial de Bertamiráns. Os operarios comezaron a traballar esta mañá pola zona da Ponte da Condomiña ata a zona do lavadoiro, pasada a AC-543. Os traballos, que comezan hoxe, consistirán na roza e limpeza das beiras e os noiros das marxes do río, e realizaranse durante esta semana e a vindeira, momento no cal se estenderán os traballos á totalidade da lonxitude do Rego dos Pasos.
Nestas tarefas, terase especial coidado en eliminar especies consideradas coma invasoras, favorecendo ó mesmo tempo, o normal desenvolvemento da vexetación propia de ribeira que está disposta ao longo do paseo. Tamén se retirarán todos aqueles residuos, orgánicos ou inorgánicos, que dificulten o paso fluído das augas. Para a realización destas tarefas, utilizaranse medios mecánicos para o desbroce de maleza máis densa, pero tamén manuais nas zonas máis sensibles ou de difícil acceso.
A concelleira de Medio Ambiente, María Eugenia Martín, subliñou que esta previsto que os traballos de acondicionamento se desenvolvan durante as dúas vindeiras semanas. Ademais, destacou que “estas tarefas encádranse na planificación que se realizou para o traballo da brigada, e acométense tras o remate da zona de Pontemaceira, que se logrou finalizar antes do previsto”. A concelleira subliñou que os traballos que comezan hoxe forman parte das labores de mantemento periódico deste espazo, que xa se acometeran a principios deste ano. María Eugenia Martín tamén fixo fincapé en que "dende o Concello de Ames estase traballando para coidar o medioambiente, e para a súa conservación".
A brigada das marxes fluviais e do espazo forestal do Concello de Ames encárgase de acondicionar e protexer o patrimonio ambiental do territorio municipal amiense. O grupo de traballo está formado por cinco peóns, un capataz e un enxeñeiro forestal. O servizo desta brigada está subvencionado pola Consellería de Traballo dentro da concesión de axudas correspondente ao Programa de cooperación das entidades locais para a contratación de persoas desempregadas posto en marcha pola Xunta de Galicia. O seu labor principal é realizar tarefas de acondicionamento do espazo forestal e fluvial.
Desde o pasado 10 de outubro, a brigada estivo acondicionando o entorno de Pontemaceira, onde traballaron sobre unha área de 5.500 metros cadrados. Alí, procederon á retirada de maleza por medios manuais, mantendo a vexetación autóctona propia das zonas da ribeira, ademais de toda a que proporciona sustento ao terreo, co obxectivo de evitar a erosión das marxes do río.




