Pestanas principais

A brigada de protección das marxes fluviais e do espazo forestal limpou 15.000 metros cadrados de pistas e camiños

Mércores, 31 de agosto de 2011

[31-08-2011] O Concello de Ames conta cunha brigada que se encarga de acondicionar e protexer o patrimonio ambiental do territorio municipal amiense. Este grupo de traballo está formado por cinco peóns, un capataz e unha enxeñeira forestal, que forman a brigada de protección das marxes fluviais e do espazo forestal. O servizo desta brigada está subvencionado pola Consellería de Traballo dentro da concesión de axudas correspondente ao Programa de cooperación das entidades locais para a contratación de persoas desempregadas posto en marcha pola Xunta de Galicia. O seu labor principal é realizar tarefas de acondicionamento do espazo forestal e fluvial. Algúns dos principais traballos executados estiveron dirixidos a realizar tarefas para previr incendios forestais. Para iso acondicionáronse varias pistas e camiños nas parroquias de Lens e de Ortoño. Neste primeiro mes de traballo limparon arredor de 15.000 metros cadrados de vías municipais.

O Concello de Ames, comprometido coa recuperación e mantemento do seu patrimonio ambiental, impulsou a contratación de traballadores desempregados ao abeiro do Programa de Cooperación das Entidades Locais co fin de prestarlle unha especial atención ao mantemento do espazo forestal e ao acondicionamento dos ríos e regatos que discorren por territorio amiense. Para executar estes traballos a Administración local conta, dende comezos do mes de agosto, cunha brigada que se está encargando de limpar e acondicionar o espazo forestal e as marxes fluviais. Trátase da brigada de protección das marxes fluviais e do espazo forestal do Concello de Ames.

Traballos de prevención contra o lume

Os traballos comezaron en agosto, etapa de máximo risco de incendios, forestais, polo que as primeiras labores desta brigada consistiron en realizar tarefas preventivas como a xestión da biomasa forestal nas vías e camiños de titularidade municipal realizándose ditos traballos no estrato arbóreo, arbustivo e subarbustivo.

Así, nas primeiras catro semanas de traballo limpáronse arredor de 15.000 metros cadrados de pistas forestais. Os traballos consistiron fundamentalmente na limpeza e triturado da vexetación, triturado que se realiza para que non haxa que retirala e que supón aumentar o tempo invertido nestas labores. Ademais, isto supón un gran beneficio para o solo xa que as propiedades da vexetación quedan no propio lugar onde foi cortada.

Os traballos comezaron pola parroquia de Lens, nunha pista que da acceso ao unha zona de baño xunto ao río Tambre, que empregan os veciños e veciñas do lugar. Ademais, nesta parroquia acondicionouse un camiño que discorre de xeito paralelo á estrada que une Lens con Bertamiráns. Neste caso rozouse a maleza e retirouse a madeira que estaba tirada ao longo do camiño. Ademais retirouse o lixo (colchóns, entullos de obras, etc.) que estaba tirada nesta pista. Todo o lixo atopado neste lugar almacenouse e posteriormente levouse a un punto de recollida autorizado.

Posteriormente, os operarios desta brigada desprazáronse á parroquia de Ortoño onde limparon e rozaron diferentes pistas do "Monte do Castro". Tamén limpou o camiño que se atopa a beira da pista de padel que hai nesta urbanización. Ademais, retirouse a madeira que estaba tirada no chan. Outro dos lugares onde se estivo traballando foi no Santo, pertencente á parroquia de Ortoño. Durante esta semana estase rozando un camiño no lugar de Lapido e unha pista que rodea o parque de caravanas de Quistiláns.

Acondicionamento das marxes fluviais

A próxima semana esta brigada, coincidindo co cambio das condicións meteorolóxicas e co baixo nivel que leva o caudal dos ríos e regatos, encargarase de realizar os traballos de acondicionamento das marxes fluviais do concello. O Concello de Ames dotou desde o primeiro momento aos traballadores desta brigada de todo o material necesario para desenvolver as tarefas que lle son encomendadas. Desde o primeiro día os peóns forestais contaron con roupa, un vehículo todoterreo, máquinas rozadoras, motoserras, etc. O custo do equipamento e do material de traballo asumiuno por completo o Concello de Ames.

Para poder sufragar o custo do persoal que integra esta brigada o Concello de Ames conta cunha subvención de 93.912 euros da Consellaría de Traballo dentro das axudas para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación coas entidades locais. Os traballadores teñen un contrato a xornada completa durante seis meses. A través deste programa pretende valorizar os recursos ambientais do espazo forestal do concello de Ames e da contorna nas marxes fluviais.