[07-09-2012] A brigada municipal de obras estivo preparando os centros de ensino amienses para que estea todo a punto de cara ao vindeiro mércores, 12 de setembro, momento no que comeza o novo curso escolar 2012-2013. Os operarios da brigada estiveron reparando billas, cadeiras, picaportes de portas, colgadoiros, etc. Ademais, pintaron as paredes e o teito de dúas aulas do CEIP de Barouta e acondicionaron os espazos verdes dos centros de ensino amienses. Estes son algúns dos traballos que a brigada municipal de obras estivo realizando ao longo desta semana nos colexios de Ames. Xardineiros, albaneis, carpinteiros, fontaneiros e electricistas traballaron arreo para que todo estea listo nos edificios educativos do concello para o inicio do novo curso escolar.

O mantemento dos catro colexios de Ames; A Maía, Agro do Muíño, Barouta e Ventín e das catro escolas unitarias; A Tarroeira, Guimaráns, Covas e Agrón depende, en boa medida, do Concello. De aí que a brigada municipal de obras estivese esta semana ocupada en facer todos os traballos necesarios para que os colexios e as escolas presenten as mellores condicións para o inicio do curso escolar 2012-2013.
Á parte dos traballos extraordinarios, sempre hai traballos correntes que hai que facer nos colexios, como pintar algunha aula, colocar encerados, suxeitar andeis, arranxar luces, repoñer accesorios de baño ou revisar as caldeiras. A época de vacacións é sempre a máis axeitada para facer este tipo de traballos. Deste xeito, a brigada dependente da Concellaría de Vías, Obras, Parques, Xardíns e Patrimonio realizou diferentes traballos nos catro colexios de educación primaria de Ames e nas escolas unitarias.
Os operarios da brigada de obras tiveron que facer traballos xerais como arranxar cadeiras, billas, picaportes de portas, colgadoiros, etc. Pero ademais tiveron que realizar traballos máis específicos como foi pintar as paredes e o teito de dúas aulas do CEIP de Barouta, arranxar un problema eléctrico na escola infantil O Bosque que impedía que houbese luz en tres aulas, ou no CEP de Ventín onde se reestruturaron dúas aulas e houbo que trasladar mesas, cadeiras, encerados e outro material.
Ademais, acondicionouse o céspede e espazos verdes do CEIP Agro do Muíño, CEIP A Maía e do CEIP de Barouta. Os xardineiros encargáronse de podar árbores, recortar plantas e sacar malas as herbas. Trátase de traballos que na maioría dos casos son de mantemento das instalacións dos colexios, pero que son necesarios para o correcto funcionamento destes centros de ensino que comezan a súa actividade o vindeiro mércores 12 de setembro.
Por outra banda, durante esta semana realizouse unha limpeza a fondo de todos os centros educativos, escolas unitarias e escolas infantís para que estean en perfectas condicións de cara ao inicio do curso. Estes traballos foron executados pola brigada de obras, que depende da Concellaría de Vías, Obras, Parques, Xardíns e Patrimonio, pero sempre en colaboración coa Concellaría de Educación.





