Pestanas principais

A brigada de obras está acondicionando as piscinas municipais descubertas de cara ao comezo do verán

Mércores, 23 de maio de 2012

[23-05-2012] O Concello de Ames continúa traballando para mellorar as instalacións municipais que teñen un maior uso nos meses de verán. A falta de pouco menos dun mes para a chegada do verán, a brigada de obras comezou esta semana o acondicionamento das piscinas descubertas de Bertamiráns e do Milladoiro. Estes traballos realízanse anualmente para que a mediados de xuño estea a todo en perfecto estado para que os veciños e veciñas de Ames poidan empregar estas instalacións durante os meses estivais. As piscinas municipais descubertas abrirán entre o 16 de xuño e o 16 de setembro. Ademais, esta semana comezou o proceso para seleccionar seis vixiantes para as piscinas municipais. Desde o 14 de maio xa se poden presentar as solicitudes de carnés para as piscinas descubertas municipais de Bertamiráns e O Milladoiro.

As piscinas descubertas de Bertamiráns e do Milladoiro convértense durante os meses de verán en lugares moi concorridos por todos os veciños e veciñas de Ames. Nada mellor para liberarse da abafante calor do verán que un baño nas piscinas municipais. Despois de nove meses sen usar estas instalacións é preciso acondicionalas antes da chegada do verán. Para iso, a Concellaría de Obras comezou onte o acondicionando das piscinas de Bertamiráns e do Milladoiro.

A brigada municipal de obras está limpando a piscina municipal descuberta do Milladoiro. En primeiro lugar baleirouse a auga para lavar o vaso da piscina. O lavado do vaso faise con auga a presión. Tamén se está lavando e arranxando a superficie empedrada que rodea a bañeira da piscina. Dende a brigada calculan que a limpeza de cada piscina levaralles unha semana e empregarán para iso dúas máquinas hidrolimpadoras. Por outra banda estanse arranxando os azulexos que están soltos dentro do vaso da piscina e realízanse os traballos de fontanaría necesarios para revisar as canles e tubos da piscina. Estes traballos desenvolveranse en xuño, uns días antes de que abran as piscinas. A vindeira semana está previsto que se realice o acondicionamento da piscina descuberta de Bertamiráns.

A piscina de Bertamiráns dispón dunhas dimensións de 27 metros de longo por 13 metros de ancho e cunha profundidade de 1,70 metros. No Milladoiro existen dúas piscinas. Unha delas está dedicada ás persoas adultas cunha profundidade de 2,10 metros, mentres que a outra é para os cativos e conta cunha profundidade de medio metro. Estas instalacións acollen numerosas iniciativas como son os cursos de natación. Os rapaces e rapazas amienses poden gozar da auga ademais de aprender a nadar, ou perfeccionar o seu estilo, durante as vacación de verán. Estas actividades están dirixidas aos nenos e nenas que teñen dende os oito anos de idade. Para unha atención máis pormenorizada os cursos desenvólvense en quendas dividas por franxas de idades.

Contratación de vixiantes

O servizo de vixilancia e socorrismo prestarase entre o 16 de xuño e o 16 de setembro (período no que estarán abertas as piscinas municipais descubertas) incluídos os domingos e os festivos. Os socorristas das piscinas municipais velarán pola seguridade dos bañistas.

Para completar os labores de vixilancia o Concello de Ames está desenvolvendo un proceso selectivo para contratar seis vixiantes que atendan as instalacións das piscinas municipais descubertas do Concello de Ames durante o período estival. Estas persoas serán as encargadas de limpar as piscinas descubertas, controlar a entrada a estas instalacións e de manter a orde dentro dos recintos.

Todas as persoas que estean interesadas en participar neste proceso selectivo deben saber que poden presentar as solicitudes no Rexistro Xeral do Concello ata o 26 de maio de 2012.

Solicitude dos carnés das piscinas

Desde o 14 de maio xa se poden presentar as solicitudes de carnés para as piscinas descubertas municipais de Bertamiráns e O Milladoiro. O prezo dos carnés oscila entre os 5 e os 20 euros dependendo das circunstancias de cada usuario/a. A Concellería de Deportes informa de que para solicitar a tarxeta de usuario é preciso presentar o impreso de solicitude cuberto, unha foto de carné e o resgardo de pagamento das taxas. O único requisito imprescindible para conseguir este abono é estar empadroado no Concello de Ames.

Os interesados en facerse co carné das piscinas descubertas municipais poden solicitar información e os impresos na Casa da Cultura do Milladoiro, no teléfono 981 535 940, ou na Oficina de Cultura e Deportes de Bertamiráns (Pazo da Peregrina), en horario de luns a venres entre as 9:00 e as 14:00 horas.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Las brigadas de Ames acondicionan las piscinas"