Pestanas principais

A brigada de obras está acondicionando os centros de ensino amienses antes do comezo do curso escolar

Xoves, 08 de setembro de 2011

[08-09-2011] A brigada municipal de obras está preparando os centros de ensino amienses para que estea todo a punto de cara ao vindeiro luns, 12 de setembro, momento no que comeza o novo curso escolar 2011-2012. Os operarios da brigada están reparando o valado da carballeira de Ventín, lugar onde se atopa a zona de xogos deste colexio. Ademais, pintaron o interior da escola de educación infantil de Guimaráns, na parroquia de Bugallido, e acondicionaron o parque infantil do CEIP de Barouta. Estes son algúns dos traballos que a brigada municipal de obras está realizando estes días nos colexios e nas escolas unitarias de Ames. Xardineiros, albaneis, carpinteiros, fontaneiros e electricistas traballan arreo para que todo estea listo nos edificios educativos do concello para o inicio do novo curso escolar.

O mantemento dos catro colexios de Ames; A Maía, Agro do Muíño, Barouta e Ventín e das catro escolas unitarias; A Tarroeira, Guimaráns, Covas e Agrón depende, en boa medida, do Concello. De aí que a brigada municipal de obras estea estes días ocupada en facer todos os traballos necesarios para que os colexios e as escolas presenten as mellores condicións para o inicio do curso escolar 2011-2012.

Á parte dos traballos extraordinarios, sempre hai traballos correntes que hai que facer nos colexios, como pintar algunha aula, colocar encerados, suxeitar andeis, arranxar luces, repoñer accesorios de baño ou revisar as caldeiras. A época de vacacións é sempre a máis axeitada para facer este tipo de traballos. Deste xeito, a brigada dependente da Concellaría de Vías, Obras, Parques e Xardíns realizou diferentes traballos nos catro colexios de educación primaria de Ames e nas escolas unitarias.

Na escola de educación infantil de Guimaráns, situada na parroquia de Bugallido, pintáronse as paredes interiores e o teito do edifico, así como as portas da escola. Tamén se arranxou a tarima flotante do piso e os xogos do parque infantil. Nos colexios de educación primaria de Ames realizáronse diferentes traballos de mantemento. No CEIP de Barouta amañáronse e pintáronse os valados e os xogos do parque infantil, así como o areeiro que está neste parque. Tamén se reparou unha fonte e pintáronse catro aulas.

No CEIP Agro do Muíño reparáronse varias portas corredizas que non funcionaban correctamente. Agora mesmo os operarios da brigada de obra atópanse nas instalacións do CEP de Ventín arranxando os postes de madeira do valado da carballeira, onde está situada a zona de xogos deste colexio. Primeiro tiveron que substituír os postes vellos que estaban estragados por uns novos e, de seguido, aplicáronlle unha capa de cemento para suxeitalos correctamente e impedir que afrouxen co paso do tempo. Ademais, aproveitaron para pintar os postes e darlle un tratamento co fin de que soporte as inclemencias meteorolóxicas do próximo inverno. Tamén limparon a fachada do edificio onde se atopa o ximnasio, arranxaron as baixantes dos canelóns e repararon algunhas plaquetas do pavimento que estaban soltas.

Está previsto que este xoves os operarios da obrigada se despracen ata o CEIP A Maía para arraxar varias portas e soldar as porterías da zona de xogos. Trátase de traballos que na maioría dos casos son de mantemento das instalacións dos colexios, pero que son necesarios para o correcto funcionamento destes centros de ensino que comezan a súa actividade o vindeiro luns 12 de setembro.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Los colegios de la comarca están pendientes de obras de la Xunta"