Pestanas principais

A brigada de obras acondiciona as instalacións da área recreativa de Tapia

Mércores, 13 de abril de 2011

[13-04-2011] O Concello de Ames continúa traballando para mellorar as instalacións municipais que teñen un maior uso nos meses de primavera e de verán. A calor e o bo tempo destes días, máis propia do verán que dos meses de primavera, provocou que moitas persoas se achegasen ata a área recreativa de Tapia para gozar das súas horas de lecer. Debido a iso a brigada de obras comezou a acondicionar esta área recreativa e posteriormente procederase a revisar as piscinas descubertas de Bertamiráns e do Milladoiro. Estes traballos realízanse anualmente para que estea todo en perfecto estado para que os veciños e veciñas de Ames poidan empregar estas instalacións durante os meses estivais.

As piscinas descubertas de Bertamiráns e O Milladoiro e a área recreativa de Tapia, que se atopa ás beiras do río Tambre, convértense durante os meses estivais en lugares moi concorridos por todos os veciños e veciñas de Ames. Nada mellor para liberarse da abafante calor do verán que un baño nas piscinas municipais ou na praia fluvial de Tapia. Despois de varios meses sen usar estas instalacións é preciso acondicionar á área recreativa de Tapia. Para iso a brigada de obras comezou a semana pasada o acondicionando da área recreativa de Tapia e posteriormente revisaranse as piscinas de Bertamiráns e do Milladoiro.

Os traballos comezaron pola área recreativa de Tapia. Esta enorme área engloba un gran número de instalacións como son a praia fluvial, con dúas zonas de baño no propio río, unha piscina para nenos, as instalacións do club de piragüismo "Ribeiras do Tambre", un muíño rehabilitado, vestiarios, grellas, e un pequeno bar, todo elo rodeado por amplas zonas verdes, onde poder tomar o sol, e zonas de aparcadoiro. Esta instalación preséntanse como unha alternativa aos areais da costa galega.

Os traballos de mantemento que están levando a cabo nesta área recollen unha exhaustiva limpeza de todo o seu contorno. Así vanse acondicionar os xardíns, cortar a vexetación que medrou durante os meses de inverno, plantar novas flores de temporada, acondicionar a área de aparcamento tapando as fochancas existentes, limpar a zona do muíño e dos vestiarios que quedaron asolagados coas crecidas do río que se produciron nos primeiros meses do ano, limpar os lugares onde están situadas as grellas e baleirar as papeleiras.

Ademais os membros da brigada de obras están pintando a varanda do embarcadoiro, baleiraron a auga da piscina infantil e agora mesmo están acondicionando o chan e os arredores desta instalación. Durante esta semana haberá unha media de cinco operarios traballando en Tapia. Os traballos levaranse a cabo durante toda esta semana e parte da próxima.

A brigada de Obras e a encargada de executar estres traballos. Durante esta semana estase realizando o acondicionamento da área recreativa de Tapia. Está previsto que cando se remate neste lugar se revisen as piscinas descubertas de Bertamiráns e do Milladoiro, que son dúas das instalacións municipais de maior uso durante a temporada de verán. Os operarios desta brigada serán os encargados de lavar cunha máquina de auga a presión as paredes das piscinas municipais. Despois haberá que esperar ata o mes de xuño para enchelas de auga.

Instalacións municipais

A piscina de Bertamiráns dispón dunhas dimensións de 27 metros de longo por 13 metros de ancho e cunha profundidade de 1,70 metros. No Milladoiro existen dúas piscinas. Unha delas está dedicada ás persoas adultas cunha profundidade de 2,10 metros, mentres que a outra é para os cativos e conta cunha profundidade de medio metro. Estas instalacións acollen numerosas iniciativas como son os cursos de natación. Os rapaces e rapazas amienses poden gozar da auga ademais de aprender a nadar, ou perfeccionar o seu estilo, durante as vacación de verán. Estas actividades están dirixidas aos nenos e nenas que teñen dende os oito anos de idade. Para unha atención máis pormenorizada os cursos desenvólvense en quendas dividas por franxas de idades.

As instalacións de Tapia así como as existentes en Bertamiráns e Milladoiro permanecen abertas ó público dende mediados de xuño ata mediados de setembro, permanecendo abertas de luns a domingo, festivos incluídos. Na praia fluvial de Tapia o horario será de 15:00 h. a 21:00 horas de luns a venres, os sábados e domingos de 11:00 h. a 21:00 horas. Nas piscinas do Milladoiro e Bertamiráns o horario será de 10:30 h. a 20:30 horas, de luns a domingo.

O goberno municipal está desenvolvendo dende hai tempo un plan de mantemento das instalacións municipais co que se pretende mellorar todas aquelas dependencias e instalacións de titularidade municipal. Agora tócalle a quenda ás piscinas de Bertamiráns e do Milladoiro e a área recreativa de Tapia para que toda a cidadanía amiense poida gozar destas instalacións durante os meses de primavera e de verán. Con esta serie de actuacións preténdese que os veciños e veciñas do concello poidan aproveitar o seu tempo de lecer do mellor xeito posible.

A nova noutros medios dixitais:

Contido relacionado


El Correo Gallego: "La brigada amiense pone a punto las instalaciones de ocio y recreativas"
El Correo Gallego: "La brigada amiense pone a punto las instalaciones de ocio y recreativas"
El Correo Gallego: "La brigada amiense pone a punto las instalaciones de ocio y recreativas"