[29-04-2017] A brigada de espazos naturais do Concello de Ames, que está composta por dous peóns e un capataz, leva traballando dende o pasado 31 de marzo no acondicionamento e mellora das rutas: senda verde, beiras do Sar e Riamontes. Deste xeito, están realizando traballos de reparación e mantemento dos paneis interpretativos das tres rutas, así como repoñendo as sinais indicativas da senda verde. Ademais, realizaron outros traballos para dotar dun novo acceso na Ponte Cabrita, labores de poda e de estaquillado de salgueiros nas beiras do Sar. Este grupo de traballo terá contrato ata finais do mes de maio.
O Concello de Ames conta dende o pasado 31 de marzo cun novo grupo de persoal que está desenvolvendo traballos nos espazos naturais de Ames. Trátase dunha brigada, sufragada a través da Deputación provincial da Coruña, que conta cun capataz e dous peóns contratados ata finais do mes de maio. Este persoal conta cun vehículo todoterreo que lle permite levar o material no seu interior e desprazarse polos distintos lugares do concello onde desenvolven as súas labores.
A brigada de espazos naturais está traballando na posta a punto de distintas rutas ambientais como a senda verde, a ruta que discorre polas beiras do río Sar e maila ruta de Riamontes. Os traballos que están realizando consisten na reparación e mantemento dos paneis interpretativos das tres rutas, así como a reposición das sinais indicativas que están rotas ou que foron extraviadas da senda verde.
Asemade, están tratando de rehabilitar un antigo camiño de acceso na Ponte Cabrita, dende as dúas marxes do río Sar (dende Costoia e dende o Catro de Miras). Para iso están contando coa colaboración dos veciños e veciñas do lugar que lembran por onde discorría dito camiño.
Conservación da canle do río Sar
Esta mesma semana tamén comezaron a podar as árbores do monte escolar, que está situado na parroquia de Trasmonte, e nas vindeiras semanas levarán a cabo traballos de estaquillado de Salgueiros nas beiras do río Sar e plantación dalgún ameneiro. Trátase de facer un seguimento dos traballos previos que se realizaron no Sar para evitar a súa erosión e a conservación da súa canle orixinal.
Por último, ao longo do mes de maio realizarán traballos de desbroce en varias fincas urbanas municipais, que debido a lei de incendios teñen que estar limpas para previr incendios forestais durante a época estival. O persoal desta brigada tamén traballará no rediseño da ruta do Tambre, que neste momento non se pode realizar xa que atravesa varias fincas privadas. Unha vez estea rediseñado o seu trazado volveranse a colocar as sinais indicativas para que os camiñantes saiban por onde discorre esta ruta.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Unha nova brigada mellorará o medio natural amesán durante o mes de maio"