Pestanas principais

A brigada de espazos naturais de Ames acondicionou os paneis informativos das rutas medio ambientais e o entorno da ponte Cabirta

Venres, 02 de xuño de 2017

[02-06-2017] O Concello de Ames contou ao longo de dous meses cunha brigada de espazos naturais, que estivo composta por dous peóns e un capataz. Durante os meses de abril e maio este grupo de traballo acondicionou os paneis informativos e sinais da senda verde, da ruta que discorre polas beiras do Sar e da ruta de Riamontes. Ademais, realizaron outros traballos para dotar dun novo acceso na ponte Cabirta, labores de poda e de estaquillado de salgueiros nas beiras do Sar, e localizaron tres árbores (un freixo, un salgueiro e un loureiro) que se está estudando a súa inclusión no catálogo de árbores senlleiras da Xunta de Galicia.

O Concello de Ames contou entre o 31 de marzo e 31 de maio cun grupo de persoal que estivo desenvolvendo traballos nos espazos naturais de Ames. Tratouse dunha brigada, sufragada a través da Deputación provincial da Coruña, que contou cun capataz e dous peóns contratados durante dous meses. Esta brigada estivo traballando na posta a punto dos paneis informativos e sinais de distintas rutas ambientais como a senda verde, a ruta que discorre polas beiras do río Sar e maila ruta de Riamontes. Os traballos que realizaron consistiron na reparación e mantemento dos paneis interpretativos das tres rutas, así como a reposición das sinais indicativas que estaban rotas ou que foron extraviadas da senda verde.

Tamén acondicionaron unha corredoira na parroquia de Oca, que servirá para abrir unha nova variante da ruta Tapia - Oca – Tapia. Asemade, acondicionaron o muíño de Lamas, un dos poucos que se conservan en bo estado para poder moer e que é empregado con asiduidade pola Aula da Natureza con fines didáctico. Este muíño presentaba algunhas deficiencias nas canles e comportas que foron arranxadas.

Outras actuacións que levaron a cabo consistiron na poda das árbores do monte escolar, que está situado na parroquia de Trasmonte; traballos de desbroce en varias fincas urbanas municipais, que debido a lei de incendios teñen que estar limpas para previr incendios forestais durante a época estival; traballos de estaquillado de Salgueiros nas beiras do río Sar e plantación dalgún ameneiro. Fixeron un seguimento dos traballos previos que se realizaron no Sar para evitar a súa erosión e a conservación da súa canle orixinal. O persoal desta brigada tamén traballou no rediseño da ruta do Tambre, que non se podía realizar xa que atravesa varias fincas privadas.

Acondicionamento da ponte Cabirta
Por outra banda, acondicionaron e puxeron en valor o entorno natural da ponte Cabirta, dende as dúas marxes do río Sar (dende Costoia e dende o Catro de Miras). Deste xeito, sinalizaron o acceso e acondicionaron una antiga calzada que existía neste lugar, ao mesmo tempo que dende o departamento de Medio Ambiente retiraban unha grande cantidade de troncos retidos na ponte que poñía en perigo a integridade da mesma. Para iso contaron coa colaboración dos veciños e veciñas deste lugar. Unha vez rematados estes traballos dende dende a Concellaría de Patrimonio estase traballando, de xeito coordinado coa Concellaría de Medio Ambiente, para tratar de catalogar esta ponte.

A ponte Cabirta está construída aproveitando un afloramento rochoso, que lle serviu como soporte xunto coa arcada de 1/4 de punto que aínda se conserva. Este afloramento orixina unha gran fervenza descoñecida para a maioría dos veciños da comarca que tan só perciben a parte mas desagradable do Sar. Así, dende o Concello quérese amosar o potencial que este río ten, aínda que está tan maltratado pola contaminación da auga.

Este entorno natural da ponte Cabirta é especialmente importante debido á antigüidade das carballeiras que existes nos seus arredores, como de outras árbores que foron localizadas polo persoal desta brigada como son un freixo, un salgueiro e un loureiro, que se están estudando para tramitar a súa inclusión no catálogo de árbores senlleiras da Xunta de Galicia. De feito, o devandito freixo, que conta cunha altura de 34,5 metros e un diámetro de 3 metros, xa está confirmada que pode ser incluído en dito catalogo, mentres que o salgueiro e o loureiro está en fase de estudo.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Acondicionados los paneles informativos de las rutas ambientales"