Pestanas principais

A brigada amiense que está levando a cabo a limpeza de zonas verdes acondicionou nos últimos meses 21 parques infantís do municipio

Martes, 29 de xaneiro de 2013

[29-01-2013] Desde o pasado mes de decembro, unha brigada composta por catro operarios e que traballa en colaboración coa concellaría de Vías e Obras acondicionou un total de 21 parques infantís de Ames. Esta brigada, sufragada a través do Plan Provincial de Emprego 2012 da Deputación Provincial da Coruña, ten como obxectivo levar a cabo durante tres meses tarefas de mantemento das infraestruturas viarias, limpeza de vías urbanas e zonas verdes de titularidade municipal. Os parques infantís que se acondicionaron están situados en Agrón, Ames, Biduído, Bugallido, Bertamiráns, Covas, Milladoiro, Ortoño, Trasmonte e Piñeiro.

Mantemento das beirarrúas na zona rural
Unha vez rematados os traballos de acondicionamento dos parques infantís, os operarios desta brigada encárganse da limpeza das beirarrúas da zona rural amiense. As beirarrúas co paso do tempo van acumulando sedimentos, que pouco a pouco atascan os pasos de auga e nos que medran as malas herbas. Iso provoca atrancos na circulación da auga da choiva.

Polo tanto, realízanse traballos de limpeza dos sumidoiros e de retirada das malas herbas existentes nas beirarrúas.

Neste momento, os operarios traballan limpando cunetas na zona de Cantalarrana e na Condomiña. Os traballos nesta zona consisten na eliminación de maleza e sedimentos que provocan atrancos na circulación da auga. Está previsto que o seguinte paso sexa a limpeza de beirarrúas e bordillos.

Nos dous primeiros meses de traballo, os operarios acometeron a limpeza das zonas de xogo de 21 parques infantís de todo o municipio. Unha vez rematados estes traballos, agora estanse encargando de acondicionar as beirarrúas do rural amiense. A través deste grupo de traballo refórzase a plantilla da brigada municipal de obras.

O goberno municipal non só se preocupa por executar novas infraestruturas se non que tamén mantén e acondiciona as que xa ten. Deste xeito, o Concello de Ames, a través do Plan Provincial de Emprego 2012 para levar a cabo tarefas de mantemento de infraestruturas viarias, limpeza de vías urbanas e zonas verdes de titularidade municipal, dispón dunha brigada que acondicionou os parques infantís, para que estean en perfectas condicións.

Os traballos de mantemento que se levaron a cabo nos parques infantís recollen unha exhaustiva limpeza das zonas de xogo e do seu contorno (arrincar as malas herbas que había na zona de area dos parques, rastrillar as follas das árbores que había no chan, repoñer area na zona de xogos, etc.). Os traballos comezaron o pasado 29 de novembro e desenvolveranse durante tres meses.

O concelleiro de Vías e Obras, Alfredo Taboada, explica que “este grupo de traballo que reforza a brigada de obras encargouse de poñer a punto os parques infantís municipais e agora comeza coas beirarrúas das parroquias amienses do rural. Trátase de traballos de mantemento das infraestruturas municipais que son moi necesarios para un correcto uso destas instalacións por parte dos veciños e veciñas amienses”.

No Concello de Ames existen un total de 21 parques infantís con zona de area. Esta zona de xogo é necesario acondicionala con asiduidade xa que nela nacen malas herbas e caen follas na época de outono que provocan que os parques non estean en perfectas condicións para a súa utilización. Esta brigada acondicionou todos estes parques infantís que dispoñen de zona de xogo con area para que poidan ser empregados por todos os nenos e nenas que así o desexen.