[19-10-2017] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade e en en colaboración coa asociación socio-educativa Antonio Gandoy, pon en andamento os Espazos das Familias, os cales se desenvolverán os martes, semanalmente, ata o final do curso académico, no local de JUPEMI no Milladoiro, entre as 17:30h e as 19:00 horas. O pasado 10 de outubro celebrouse a primeira das sesións, enfocada na presentación do proxecto e no coñecemento mutuo entre as familias. O obxectivo desta iniciativa é o de formar ás nais e pais sobre cuestións que afectan á primeira infancia como o sono, a linguaxe, a importancia do xogo ou a adquisición de hábitos saudables.
O primeiro dos Espazos das Familias celebrouse o pasado 10 de outubro, no Milladoiro, no local de JUPEMI (a asociación de persoas xubiladas). Nesta primeira sesión, a responsable do proxecto en Ames, a psicóloga educativa Olaia González, presentou o programa e informou ás familias sobre o desenvolvemento do mesmo ao longo destes meses. A primeira das sesións rematou cun conto e cunha canción. Na segunda das sesións, comezáronse a traballar varias das rutinas que se estenderán ao longo dos meses, de maneira que as familias aprendan en que medida a repetición dunha orde dá seguridade ás crianzas.
Ademais, neste segundo Espazo, que tivo lugar o pasado 17 de outubro, tamén se traballaron actividades ligadas á autonomía das cativas e dos cativos como, por exemplo, a de quitar e deixar colocada a chaqueta ao entrar. Nesta sesión, as nenas e nenos participantes tamén traballaron a identidade, pegando nun panel as súas propias imaxes. O Espazo, que rematou coa lectura dun conto e con varias cancións, tamén incluíu un tempo para que as nenas e nenos xogasen libremente. Desta maneira, as crianzas puideron coñecerse e xogar entre elas, o mesmo que as familias.
Organizada polo Concello de Ames, a través da Concellaría de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, e en colaboración coa asociación socio-educativa Antonio Gandoy, a actividade xira arredor da realización de diferentes actividades coas nenas e nenos. A iniciativa tenta, ademais, formar ás familias en temas vinculados á primeira infancia como os medos, o control dos esfínteres, o sono, a linguaxe ou a importancia do xogo ou da adquisición de hábitos saudables. Os Espazos das Familias, que teñen un enfoque poboacional e contan coa participación de 15 familias con crianzas entre os 0 e os 3 anos, desenvolveranse os martes, semanalmente, entre as 17:30h e as 19:00 horas.
A Concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, destaca o valor positivo desta iniciativa: “A actividade supón para as familias un espazo onde coñecerse, dialogar, reflexionar e compartir experiencias e ferramentas educacionais. Con ela preténdese transmitir un enfoque positivo da parentalidade, así como a importancia do xogo como ferramenta de comunicación. Os Espazos crearán, asemade, a oportunidade de formar unha rede de apoio e de promover, ao mesmo tempo, o coñecemento e a participación por parte das familias doutras actividades”.
Para as crianzas, estes encontros suporán unha oportunidade de reunión con outras nenas e nenos. Neles, ademais, participarán de situacións de aprendizaxe, que lles permitirán adquirir coñecementos e desenvolver capacidades. De igual maneira, tamén farán parte de actividades que lles darán seguridade e que lles posibilitarán anticipar acontecementos, potenciando o ritmo interior de cada crianza e contribuíndo a regular o seu ritmo exterior. Os Espazos das Familias, en definitiva, nacen coa vontade de tornarse nun espazo prolongado da seguridade afectiva que para as crianzas representa a familia. A posta en valor da función educativa das familias, o recoñecemento e o respecto á infancia e ás necesidades de cada nena e neno tamén constitúen outros dos eixos centrais destes Espazos.




