Pestanas principais

Bota a andar o Consello Sectorial de Nenas e Nenos

Xoves, 25 de novembro de 2021

O cuarto Consello Sectorial de Ames constituíuse na tarde do mércores 23 de novembro, coa asistencia de 44 das 45 nenas e nenos convocados dos diferentes centros escolares públicos do municipio. Na reunión celebrada no Salón de Plenos da Casa do Concello, en Bertamiráns, introduciuse á rapazada ao regulamento, ás funcións dos vogais e aos obxectivos deste órgano participativo. Durante a sesión, na que se adoptaron acordos relativos á organización e a periodicidade das xuntanzas, as nenas e nenos demostraron a súa capacidade de dialogar, preguntar e presentar propostas. Tanto o alcalde de Ames, Blas García, como a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Luísa Feijóo, destacaron “o espírito participativo” da rapazada e as coincidencias en “temas medioambientais e convivencia cidadá”.

A creación do Consello Sectorial de Nenas e Nenos e o seu regulamento foron aprobados por unanimidade dos grupos municipais nos plenos ordinarios de setembro e outubro, respectivamente. A rapazada escollida para actuar como representantes dos nenos e nenas do concello foi suxerida directamente polos centros escolares públicos de Ames.

Ademais das 44 nenas e nenos representantes, asistiron á constitución do órgano de participación o alcalde de Ames e Presidente do Consello, Blas García; o coordinador de Voluntariado e Secretario do Consello, Rubén Ramos, e cinco vogais en representación dos grupos políticos municipais: Quique Costas, do Grupo Mixto; Genma Otero, de Contigo Podemos; David Santomil, do BNG; Pablo Beiroa, do Partido Popular; e Luísa Feijóo, do PSdeG-PSOE.

A celebración desta primeira sesión serviu para dar a coñecer o regulamento ás novas representantes, así como os obxectivos do Consello e as funcións dos Vogais. Adoptáronse os primeiros acordos relativos á frecuencia das convocatorias e a organización dos grupos. Cada un deles escollerá unha persoa voceira e unha vicevoceira, que dende a próxima reunión encargaranse de trasladar as cuestións nas que traballarán de cara á seguinte xuntanza.

Con esta toma de contacto inicial chegaron tamén as primeiras propostas e preguntas da rapazada, da que Luísa Feijóo, concelleira de Benestar Social e Igualdade, quixo destacar “o seu espírito participativo”. As representantes dos centros escolares trasladaron cuestións relativas ás infraestruturas de xogo, presentaron queixas sobre o estado dalgunhas instalacións e mesmo fixeron solicitudes e suxestións, como pistas de skate ou carrís bici.

Non obstante, o máis destacable da xornada foi “a coincidencia en temas medioambientais e de convivencia cidadá”, nunha xuntanza da que saíron “dúas propostas fantásticas”, segundo a concelleira Luísa Feijóo. Neste senso, a rapazada suxeriu unha campaña de limpeza dos montes e outra de sensibilización e tenencia responsable de animais de compañía, con atención especial na recollida de excrementos de cans.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "El Consello de Nenos reclama montes limpios y sensibilidad con las mascotas"

AMSGO!: "A infancia xa ten voz de seu en Ames"

Bota a andar o Consello Sectorial de Nenas e Nenos

Multimedia

  • Bota a andar o Consello Sectorial de Nenas e Nenos
  • Bota a andar o Consello Sectorial de Nenas e Nenos
  • Bota a andar o Consello Sectorial de Nenas e Nenos
  • Bota a andar o Consello Sectorial de Nenas e Nenos