Pestanas principais

Bota a andar a Escola Municipal de Saúde cos obradoiros "Mulleres que se coidan, coida de ti!"

Venres, 02 de outubro de 2020

O Concello de Ames, a través da Concellería de Benestar Social e o departamento de Promoción da Saúde, pon en marcha un novo proxecto: Escola Municipal de Saúde. Estréase deste xeito unha actividade que será anual e estará composta por diferentes obradoiros, como ioga terapéutico, actividades para coidar a saúde física e emocional, faladoiros sobre autocoidados, sensibilización, emponderamento... Con 10 prazas ofertadas en quendas de mañá e de tarde, dará comezo o vindeiro luns 5 de outubro. O prazo de inscrición xa está aberto e pecharase ao completar as 10 prazas ofertadas. Haberá unha lista de agarda. Preme nesta ligazón para descargar o impreso de inscrición.

A Escola Municipal de Saúde, a través da Concellería de Benestar Social  e  mailo departamento de Promoción da Saúde do Concello de Ames, crea un marco único onde agrupar as actividades de educación e promoción da saúde.

A Escola Municipal de Saúde nace coa intención de establecer e impulsar estratexias dirixidas a fomentar o desenvolvemento de ferramentas e habilidades encamiñadas a coidar de xeito efectivo a saúde, entendida dende un punto de vista holístico. Tamén ten o obxectivo de promover a adopción de hábitos e estilos de vida saudables e fomentar a corresponsabilidade das persoas no coidado da súa saúde, acadando unha maior calidade de vida.

A través das actividades da Escola Municipal de Saúde as persoas participantes compartiran un espazo de encontro onde se abordará e se traballará, guiadas sempre por expertos/as, diferentes temas relacionados co autocoidados, a prevención, o benestar emocional, a parentalidade positiva e seguir afondando na promoción de hábitos de vida saudables: como son a actividade física, a alimentación saudable e a prevención de condutas aditivas… como aspectos claves do benestar, resolvendo dúbidas, compartindo diálogo, etc.

Obradoiros “Mulleres que se coidan, coida de ti!”
Esta nova iniciativa bota a andar o vindeiro luns, 5 de outubro, co obradoiro "Mulleres que se coidan, coida de ti!". A nova iniciativa da Escola de Saúde é unha extensión dalgunhas das actividades anteriores organizadas polo departamento de Promoción á Saúde como foi o proxecto "Desconfinamento saudable".

O obxectivo é concienciar os/as participantes en que son axentes activos á hora de tomar decisións sobre a súa saúde. Ademais, a intención da "Escola de Saúde" é concienciar sobre a importancia que ten cada un para xerar saúde, centrándose no desenvolvemento e adquisición de habilidades en grupo. Deste xeito, constituiranse uns obradoiros motivadores e participativos.

Esta nova actividade anual levarase a cabo os luns e mércores, en quendas de mañá e tarde. A primeira sesión realizarase na sala do pavillón do Milladoiro, de 10.00 a 11.00 horas, e continuará no Pazo da Peregrina, de 18.00 a 19.00 horas. As actividades da Escola de Saúde comezan este luns, 5 de outubro.

Por mor da Covid-19, o grupo serán dun máximo de 10 persoas. O prazo de inscrición xa está aberto e pecharase cando se completen as prazas. Aínda así, haberá unha lista de agarda. Seguiranse todas as medidas hixiénico-sanitarias pertinentes. Para inscribirse hai que cubrir o impreso de inscrición que está ao pé desta nova (pode descargarse en formato doc e pdf). Unha vez cuberto o impreso hai que envialo por correo electrónico ao enderezo promociondasaude@concellodeames.gal.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Estréase en Ames a Escola Municipal de Saúde"

Cartel Escola Municipal de Saúde.