Pestanas principais

BNG e Espazo Común rexistran a solicitude para a convocatoria dun pleno extraordinario no que recibir información sobre o aparcadoiro de pago do Milladoiro

Mércores, 16 de setembro de 2026

Tal e como indicara o BNG a semana pasada, a formación nacionalista reuniuse co resto dos grupos da oposición e finalmente acordou, xunto con Espazo Común, a solicitude dun pleno extraordinario porque “a cidadanía merece información clara, completa e precisa sobre este proxecto”. 

No pleno do 26 de decembro de 2024  a corporación municipal acordou a creación dunha Comisión de Estudo, composta por membros da mesma e por persoal  técnico, na que deberan determinarse, entre outras cuestións, aspectos sociais, xurídicos e técnicos, así como a forma de xestión do aparcadoiro. Inexplicablemente, esta Comisión só se reuniu para constituírse e sen tratar ningún outro asunto.

BNG e Espazo Común denuncian o escurantismo en todo o proceso, que privou á cidadanía e ó resto da corporación municipal do coñecemento da actuación do goberno municipal en relación a un dos principais problemas do Milladoiro, a falla de estacionamento. Reclaman “aclarar todas as cuestións das que non informaron previamente a aparecer este anuncio en prensa” e lamentan “a falta de transparencia do goberno socialista que dende o 2024 non trasladou información sobre o proxecto, nin tan sequera o estudo de viabilidade”

A creación dun aparcadoiro municipal soterrado na rúa Pardiñeiros sería unha moi boa nova xa que o Milladoiro precisa un lugar de estacionamento en condicións, se non fose porque se trata dunha media verdade, fálase dun aparcadoiro municipal, pero a realidade é que a titularidade do espazo é privada.

Ademais é totalmente inadmisible que pretendan que o aparcadoiro anunciado sexa de pago. “Certo é que isto encaixa perfectamente dentro das políticas que se están a desenvolver desde este goberno. Estamos ante o mandato da privatización e do recorte nos servizos públicos, agora tamén no que ós aparcadoiros se refire,” manifesta a voceira do BNG Escarlata Pampín.

“Primeiro quítannos a prazas de aparcadoiro e despois créanas pero de pago. O que tiñamos gratis agora imos ter que pagalo. Todo isto, ademais, sen transparencia, sen falar coa veciñanza afectada nin co comercio e pasando por enriba do acordado no Pleno. Non parece que este Goberno pense moito na veciñanza do Milladoiro”. Engade Luisa Feijoo, voceira de Espazo Común.

Ambas formacións políticas declaran que “esta non é unha solución axeitada para a veciñanza e o comercio do Milladoiro, deberían buscar unha alternativa que non fora de pago”.

BNG e Espazo Común rexistran a solicitude para a convocatoria dun pleno extraordinario no que recibir información sobre o aparcadoiro de pago do Milladoiro