Pestanas principais

Blas García presenta a estratexia alimentaria de Ames nun webinario sobre alimentación e Axenda Urbana

Mércores, 14 de outubro de 2026

O alcalde de Ames, Blas García, participou este mércores, 14 de outubro, no webinario «Alimentación y Agenda Urbana: del papel a la acción», organizado pola Rede de Municipios pola Agroecoloxía en colaboración co equipo URBACT. Na súa intervención compartiu a experiencia municipal na conexión entre a produción de proximidade, os comedores escolares e a planificación urbana. O rexedor municipal explicou como o PAI «Conecta Ames» reúne o futuro mercado municipal de Bertamiráns, a recuperación de terras para a produción ecolóxica e a formación de persoas produtoras, cun investimento previsto de arredor de 3,8 millóns de euros. Preme aquí para consultar a presentación sobre a estratexia alimentaria de Ames.

García explicou que a estratexia alimentaria de Ames nace do traballo desenvolvido durante anos cos produtores da contorna e coa Rede municipal de comedores escolares. Este servizo, que comezou no curso 2005-2006 con arredor de 300 usuarios, atende actualmente preto de 1.500 nenos e nenas. A cociña central, en funcionamento desde 2025, conta con persoal municipal e cun servizo de nutrición que deseña os menús e facilita ás familias recomendacións para as ceas.

Esta experiencia iniciouse no ano 2005 cos proxectos Amorodo e Lentura, a colaboración co obrador compartido Transformando en Brión e os mercados de proximidade. As hortas urbanas e o aproveitamento dos restos das cociñas e das podas municipais mediante compostaxe incorporan tamén unha dimensión educativa e de economía circular.

Un mercado conectado coa produción local
A Axenda Urbana recolle esta traxectoria e dálle continuidade a través do PAI «Conecta Ames». A proposta alimentaria, cun investimento previsto de arredor de 3,8 millóns de euros, combina o novo mercado municipal de Bertamiráns coa creación dun banco de terras no contorno do río Sar e cun programa de asesoramento e formación.

O futuro mercado aproveitará un inmoble municipal existente e contará con doce postos permanentes, ademais de espazos para a elaboración e degustación de alimentos. A zona cuberta e a praza exterior permitirán acoller a venda de produtos de proximidade e outras actividades, vinculando o equipamento coa mellora do espazo urbano.

O alcalde salientou a colaboración do Concello, da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia neste proxecto, destacando a capacidade de acordo entre administracións gobernadas por distintas formacións políticas.

Recuperación de terras e oportunidades de emprego
O banco de terras prevé actuar sobre arredor de catro hectáreas na contorna do Sar para favorecer a produción ecolóxica e a recuperación ambiental. O obxectivo é que as persoas produtoras poidan comercializar os alimentos no mercado e contribuír ao abastecemento dos comedores municipais.

García destacou tamén a dimensión social desta actuación, que busca ofrecer oportunidades a persoas con dificultades de acceso ao emprego ou cunha situación económica complicada. O programa de asesoramento e formación conta cunha previsión de 73.000 euros para acompañar a súa participación.

A intervención puxo de manifesto a importancia de conectar a demanda dos comedores coa produción local e con espazos de venda estables. A proposta de Ames busca así reforzar a actividade agraria, recuperar terreos e achegar os alimentos de proximidade á veciñanza.

Blas García presenta a estratexia alimentaria de Ames nun webinario sobre alimentación e Axenda Urbana

Multimedia

  • Blas García presenta a estratexia alimentaria de Ames nun webinario sobre alimentación e Axenda Urbana
  • Blas García presenta a estratexia alimentaria de Ames nun webinario sobre alimentación e Axenda Urbana