Pestanas principais

Blas García inaugura as V Xornadas Formativas de Cidades Amigas da Infancia en Galicia

Mércores, 13 de decembro de 2023

O alcalde de Ames, Blas García, inaugurou esta mañá a quinta edición das Xornadas Formativas de Cidades Amigas da infancia de Galicia “Ferramentas para a implementación e mellora das políticas de infancia e adolescencia no ámbito local”. Blas García participou no acto de inauguración en representación da Federación Galega de Municipios e Provincias, xa que é vogal da comisión executiva de dita organización. Este evento, que está organizado pola FEGAMP en colaboración con UNICEF Comité Galicia e a Consellería de Política Social, realizouse na Escola Galega de Administración Pública (EGAP), en Santiago de Compostela.

O acto de inauguración estivo presidido Myriam Garabito, presidenta de UNICEF Comité Galicia; Jacobo Rey, director xeral de Familia, Infancia y Dinamización Demográfica; e Blas García, alcalde de Ames e vogal da comisión executiva da Federación Galega de Municipios e Provincias. Tralas últimas eleccións municipais, o Concello de Ames pasou a formar parte da Estrutura de representantes da FEGAMP. Deste xeito, o rexedor amesán, Blas García, pasou a ser vogal da Comisión executiva de dita organización.

Blas García destacou “nestas V Xornadas de Cidades Amigas da Infancia en Galicia vanse a analizar distintas ferramentas para a implementación e mellora das políticas de infancia e adolescencia no ámbito local, razón pola que os concellos galegos imos tomar boa nota de todo o que se aborde aquí, para poder avanzar na adaptación das nosas políticas cara unha sociedade que está nun cambio continuo, e máis no que afecta a nosa infancia e adolescencia. Todas as administracións debemos facer un esforzo de coordinación e cooperación para poder afrontar os múltiples retos que temos neste campo aproveitando os foros comúns nos que estamos representados todos”.

Ademais, García dixo que “no pasado mes de novembro, con motivo do día mundial da infancia celebrado o 20 de novembro e a proposta da UNICEF, a Xunta de Voceiros e Voceiras da FEGAMP aprobou unha declaración na que se expresaba o compromiso que as entidades locais temos coa infancia e adolescencia, que débese traducir en máis feitos que garantan os dereitos plasmados na convención de dereitos dos nenos e nenas, aprobados hai xa 24 anos, sobre os 4 alicerces básicos: A non discriminación, o interese superior do neno, o dereito á vida, a supervivencia e o desenvolvemento e a necesidade da participación infantil”.

Cidades Amigas da Infancia de UNICEF
​A iniciativa Cidades Amigas da Infancia de UNICEF busca impulsar un modelo de xestión municipal centrado nos dereitos de infancia. Coa implantación desta iniciativa, contribúese a mellorar as condicións de vida dos nenos, nenas e adolescentes, mediante a promoción e a implantación de políticas municipais que garantan o seu desenvolvemento integral desde un enfoque de dereitos.

Un dos 5 obxectivos marco desta iniciativa é o de garantir o dereito de todos os nenos e nenas a desenvolverse nunha contorna segura e limpa. Con este contexto e entendendo que os municipios teñen tamén un papel fundamental na implementación da Lei de Protección Integral á infancia e a adolescencia fronte a violencia (LOPIVI), UNICEF Comité Galicia organiza esta xornada na que afondar sobre cuestións claves como son a planificación das políticas de infancia, a protección e a promoción da participación infantil e adolescente.

Esta xornada estivo dirixida a equipos de goberno e/ou persoal técnico municipal con competencias en materia de infancia, familia, educación, participación ou servizos sociais, así como profesionais de entidades que desenvolven o seu labor profesional no ámbito dos servizos sociais, educación ou protección de poboación menor de idade.

Consello sectorial da infancia
​En dito acto, o alcalde de Ames, Blas García, abordou coa presidenta de UNICEF Comité Galicia, Myriam Garabito, a intención de potenciar o Consello sectorial da infancia do Concello de Ames, que pasará a depender da Concellaría de Educación.

Imaxe do acto de inauguración das V Xornadas Formativas de Cidades Amigas da Infancia en Galicia

Multimedia

  • Imaxe do acto de inauguración das V Xornadas Formativas de Cidades Amigas da Infancia en Galicia
  • Imaxe do acto de inauguración das V Xornadas Formativas de Cidades Amigas da Infancia en Galicia
  • Imaxe do acto de inauguración das V Xornadas Formativas de Cidades Amigas da Infancia en Galicia