- Tematica
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, destacou hoxe en Televés Corporación “a aposta estratéxica” do Goberno pola industria tecnolóxica galega cos fondos do Plan de Recuperación. Fíxoo durante unha visita esta mañá ás instalacións de Televés Corporación en Santiago de Compostela, onde estivo acompañado polo CEO da compañía, Gonzalo Redondo; e polo alcalde de Ames, Blas García.
Pedro Blanco e Blas García coñeceron de primeira man o traballo de Televés Corporación, cuxa filial Maxwell Applied Technologies, con sede en Ames, vén de recibir unha axuda de 1,4 millóns de euros da segunda convocatoria do PERTE Chip do Ministerio de Industria e Turismo para o proxecto “Novas solucións integradas de radiofrecuencia e empaquetado avanzado para sistemas de comunicación de última xeración”. Á visita asistiron tamén a directora xeral corporativa de Televés Corporación, Esther Gómez; a directora de Maxwell Applied Technologies, Ana Peláez, e a concelleira de Promoción Económica de Ames, Ana Paz García.
Ademais, Televés Corporación recibiu nos últimos anos máis de 11,1 millóns de euros en axudas do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e a Innovación (CDTI) do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, para diversos proxectos de I+D+i.
O alcalde, Blas García, destacou que empresas como Maxwell, filial de Televés Corporación, son unha mostra de todo o talento que reside en Ames, especialmente no polígono empresarial Novo Milladoiro, "somos un polo tecnolóxico e unha zona de referencia para que se instalen empresas innovadoras punteiras en España e mesmo en Europa". O delegado subliñou que a Televés Corporación é exemplo de como o Goberno impulsa a modernización da industria española para dotala dunha maior competitividade. “O Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) está a mobilizar unha cantidade de recursos sen precedentes para fortalecer a economía en todo o territorio”, indicou. Nesta liña, sinalou que os Proxectos Estratéxicos para a Recuperación e Transformación Económica (PERTE) deixaron en Galicia un impacto de máis de mil millóns de euros, “unha oportunidade histórica para renovar o ecosistema empresarial”.
Pedro Blanco agradeceu á Televés Corporación o seu compromiso coa área de Santiago e co impulso ao talento galego, pois a corporación ten máis dunha vintena de firmas con máis de 700 empregados. “Cando as empresas presentan iniciativas ambiciosas e aproveitan estas ferramentas de financiamento, están a impulsar a innovación, fortalecendo a súa competitividade e creando oportunidades para atraer e reter persoal cualificado”, remarcou. Así, puxo en valor que “a colaboración entre o sector público e o privado é a mellor garantía para construír unha industria máis sólida, tecnolóxica e preparada para os retos do futuro”.
Novas relacionadas
La Voz de Galicia: "Pedro Blanco destaca el buen uso que Televés hace de los apoyos públicos"
Diario de Santiago: "Blas García e Pedro Blanco visitan as instalacións de Televés Corporación, cuxa filial, Maxwell Applied Technologies, ten sede en Ames"











