Pestanas principais

Binarial e o Concello de Ames revolucionan a comunicación municipal no “Innpulso Emprende 2026” cun sistema integral de Physical AI

Mércores, 30 de setembro de 2026

O Concello de Ames participou un ano máis no encontro “Innpulso Emprende 2026”, organizado pola Red de Ciudades de la Ciencia y la Innovación (Red Innpulso), entidade dependente do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades (MICIU). Ames forma parte desta rede dende o ano 2018. O evento celebrouse os días 29 e 30 de setembro na cidade de Terrassa. O proxecto que representou ao noso municipio nesta edición foi presentado por persoal da empresa tecnolóxica Binarial que está situada no Milladoiro. Esta entidade presentou un ecosistema omnicanal que conecta a información oficial dos Concellos cos cidadáns mediante pantallas intelixentes e robots humanoides.

O encontro, promovido pola Rede de Cidades da Ciencia e a Innovación e o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, celebrouse no Teatro Principal de Terrassa e contou coa colaboración do Concello desta localidade. Dito evento contou coa participación de moitos dos concellos pertencentes á Rede Innpulso. Ames foi o único concello galego que participou en dito evento.

Innpulso Emprende reúne anualmente a alcaldes e alcaldesas das cidades pertencentes á Rede Innpulso coas pemes, micropemes e startups ou proxectos máis innovadores que foron seleccionadas por cada un dos concellos. Así, o encontro facilita o achegamento entre pemes innovadoras a nivel nacional, potencia o intercambio de experiencias na promoción e o apoio á innovación desde a administración e, en definitiva, posiciona e impulsa ás pemes innovadoras pertencentes ás cidades Innpulso, dándolles visibilidade para facilitar o seu acceso a mercados potenciais e posibles investimentos.

Nesta nova edición, Innpulso Emprende incorporou novidades no seu formato e estrutura. O evento dividiuse en dúas xornadas consecutivas. A primeira xornada foi de carácter institucional con actividades orientadas a fomentar o networking e a creación de vínculos entre cidades, empresas e entidades participantes. A segunda xornada centrouse no programa principal, con presentacións das empresas seleccionadas por cada municipio, acompañadas polos seus alcaldes/alcaldesas ou concelleiros/as, así como relatorios e espazos para o intercambio de coñecemento.

Novo modelo integral de comunicación cidadá no espazo público
O Concello de Ames e Binarial participaron nesta segunda xornada celebrada hoxe, 30 de setembro, coa presentación dun novo modelo integral de comunicación cidadá no espazo público. A proposta combina a arquitectura avanzada de Intelixencia Artificial Física (Physical AI) con despregamento de pantallas intelixentes e robots humanoides para transformar de forma interactiva a xestión da información municipal.

Por parte do Concello de Ames asistiron a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, e a técnica municipal de innovación, Patricia Yáñez; mentres que da empresa Binarial asistiron Alejandro Valiñas, director de tecnoloxía e cofundador; e José Manuel González, director de negocio. Trátase do evento máis representativo da Rede Innpulso, que ten como obxectivo principal facilitar o encontro entre responsables municipais e o tecido emprendedor, á vez que se premian as iniciativas máis innovadoras dos distintos municipios.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, destaca que “Ames conta cun enorme potencial de empresas tecnolóxicas. O traballo que realiza Binarial é un exemplo máis. Para nós é unha satisfacción que esta empresa representase ao noso municipio no Innpulso Emprende 2026. Este evento supón un escaparate inmellorable para mostrar o talento innovador local a outros municipios e representantes de grandes empresas”.

Sistema tecnolóxico centralizado que desprega a información institucional
A pesar de que os Concellos xeran diariamente un volume constante de datos de alto valor como eventos culturais, normativas, bandos, subvencións e servizos sociais, gran parte desta información queda fragmentada ou resulta inaccesible para amplos sectores da poboación debido á complexidade das sedes electrónicas tradicionais. Para resolver este abismo de comunicación, Binarial desenvolveu un ecosistema tecnolóxico centralizado que desprega a información institucional da Administración en tempo real a través de dous puntos clave de contacto na vía pública:

-Pantallas intelixentes de interacción natural situadas nos puntos de maior afluencia dos municipios (prazas, marquesiñas, centros culturais), onde os cidadáns poden realizar consultas en linguaxe falada de forma sinxela e sen barreiras dixitais.

-Robots humanoides móbiles deseñados para desprazarse e interactuar en contornas concorrentes como prazas, centros históricos, feiras e eventos locais, ofrecendo un punto de asistencia dinámico e próximo a pé de rúa.

As dúas solucións comparten un único cerebro cognitivo centralizado que garante que toda a información difundida estea unificada, validada polo Concello e actualizada ao segundo.

Do algoritmo ao mundo real: Physical AI para humanizar as cidades
Durante a presentación fronte aos representantes municipais, Alejandro Valiñas, CTO de Binarial, destacou o salto evolutivo que supón levar a Intelixencia Artificial á contorna física urbana:

“Hai máis de sesenta anos, Alan Turing preguntouse se unha máquina podía pensar. Hoxe ese problema está practicamente resolto: as máquinas conversan, escriben e programan. En Binarial traballamos no seguinte paso: a Physical AI. Desenvolvemos IA e robótica capaces de levar esa intelixencia ao mundo real, aplicándoa a algo tan próximo e impactante como as nosas cidades”, destacou Valiñas.

“Non falamos de instalar pantallas ou poñer robots nunha praza como mera exhibición tecnolóxica. Falamos de crear unha canle de comunicación viva. A tecnoloxía por si soa non fai intelixente a unha cidade; o que fai intelixente a un municipio é como utiliza esa tecnoloxía para mellorar a vida dos seus cidadáns e facer que a Administración estea realmente preto das persoas”, concluíu o CTO de Binarial.

Retorno directo para a xestión municipal
Desde a perspectiva da xestión pública, a solución desenvolvida por Binarial ofrece aos Concellos tres vantaxes estratéxicas de impacto inmediato:

1.-Eficiencia comunicativa: Permite xestionar toda a información municipal desde un único punto de control e despregala ao instante en toda a rede urbana.

2.-Accesibilidade e inclusión social: Elimina a fenda dixital ao permitir que calquera persoa, incluíndo á poboación maior, interactúe mediante a voz, sen necesidade de navegar por menús nin descargar aplicacións.

3.-Escoita activa e insights en tempo real: Ofrece aos Concellos datos agregados e anónimos sobre que temas preocupan máis aos veciños, que eventos xeran maior interese e que servizos requiren reforzo.

Sobre Binarial
Con este fito presentado en Terrassa, Binarial (compañía de enxeñería avanzada nacida en Galicia e especializada en robótica autónoma, visión artificial e Deep Tech) reforza o seu posicionamento estratéxico como socio tecnolóxico de referencia para a transformación das Smart Cities en España e a súa escalada cara a novos mercados internacionais.

Binarial é unha compañía tecnolóxica de enxeñería avanzada especializada no desenvolvemento de solucións de Physical AI, robótica móbil autónoma (AMR), visión artificial e intelixencia artificial aplicada. Desde a súa sede en Ames, Binarial deseña e desprega arquitectura hardware e software de vangarda para transformar a eficiencia, a automatización e a comunicación na industria e nas Administracións Públicas.

Binarial e o Concello de Ames revolucionan a comunicación municipal no “Innpulso Emprende 2026” cun sistema integral de Physical AI

Multimedia

  • Binarial e o Concello de Ames revolucionan a comunicación municipal no “Innpulso Emprende 2026” cun sistema integral de Physical AI
  • Binarial e o Concello de Ames revolucionan a comunicación municipal no “Innpulso Emprende 2026” cun sistema integral de Physical AI
  • Binarial e o Concello de Ames revolucionan a comunicación municipal no “Innpulso Emprende 2026” cun sistema integral de Physical AI
  • Binarial e o Concello de Ames revolucionan a comunicación municipal no “Innpulso Emprende 2026” cun sistema integral de Physical AI
  • Binarial e o Concello de Ames revolucionan a comunicación municipal no “Innpulso Emprende 2026” cun sistema integral de Physical AI